A desigualdade reina en Europa: o 10% das persoas máis adiñeiradas acumula 67% da riqueza

Entre os 36 Estados europeos estudados, a desigualdade da riqueza en 2022 oscila entre o 50,8% de Eslovaquia e o 87,4% de Suecia.
Amancio é unha das persoas máis ricas de Europa. (Europa Press).
photo_camera Amancio Ortega é unha das persoas máis ricas de Europa. (Foto: Europa Press).

O conxunto composto polo 10% das persoas máis adiñeiradas do continente europeo (tendo en conta un total de 36 Estados, entre os que se atopa Turquía mais non Rusia) posúen até 67% da riqueza, segundo mostra o Informe sobre a Riqueza Mundial realizado polos bancos suízos Credit Suisse e UBS en base a datos do ano 2022.

Tanto é así, que en todos os Estados europeos (dos 21 dos que se ofrece este dato no estudo), coa excepción de Bélxica, o 10% máis adiñeirado posuía, cando menos, a metade da riqueza total. Mentres que no caso belga a porcentaxe ficaba en 43,5%, en Suecia chegaba até 74,4%.

Outro dos métodos máis coñecidos para medir a distribución da riqueza nunha sociedade é o coeficiente de Gini: canto maior é o valor que alcanza, maior é a desigualdade da riqueza, representando cero a igualdade total.

Entre os 36 Estados europeos estudados, a desigualdade da riqueza en 2022 oscilaba entre o 50,8 de Eslovaquia e o 87,4 de Suecia. Excluíndo a Islandia, a desigualdade da riqueza era bastante elevada nos Estados nórdicos en 2022, situándose tanto Suecia, Finlandia, Dinamarca como Noruega na metade superior desta clasificación. 

Pola súa parte, Alemaña obtivo a puntuación máis alta en desigualdade de riqueza (77,2) entre as "catro grandes" potencias económicas da Unión Europea (UE) e da zona euro, seguida de Francia (70,3), o Estado español (68,3) e Italia (67,8). Ademais, Portugal rexistrou un índice de 70,3, mentres que o Reino Unido marcou 70,2.

Lisa Pelling, directora do grupo de reflexión Area Idé, con sede en Estocolmo, indicou a Euronews que o sistema fiscal é a razón máis importante da desigualdade. "En Suecia [coa maior desigualdade en Europa], de momento, non hai imposto sobre o patrimonio. Tampouco hai imposto de sucesións nin de doazóns", explicou Pelling.

Con todo, a nivel global, a desigualdade é aínda maior. Así, tan só o 1% da poboación máis rica acumulaba até 44,5% do patrimonio (valor dos activos económico menos as débedas).

Comentarios