Críticas á PAC por manter grandes teitos nas axudas ás explotacións

A Federación Rural Galega (Fruga) discrepa en varios apartados da nova Política Agraria Europea (PAC), entre eles o da definición de "persoas activas", o máximo importe das axudas ou o tamaño das explotacións.
Unha explotación de leite (Gandeiría Conde da Xesteira)
photo_camera Unha explotación de leite (Foto: Gandeiría Conde da Xesteira)

A xuntanza entre o Ministerio de Agricultura e as Comunidades Autónomas para perfilar a futura Política Agraria Europea (PAC) segue a colleitar críticas entre as organizacións agrarias na Galiza. O coordinador da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, afirma que, máis alá da novidade dos 'ecoesquemas', algunhas mudanzas serán negativas para o sector.

Un dos puntos que considera moi prexudicial para o país é a definición de agricultor activo e os pagos desacoplados, ou sexa, quen ten que percibir as axudas da PAC.

"Consideran activas aquelas persoas que teñen ingresos procedentes da actividade agraria dun 25% e nós pensamos que as axudas teñen que ir destinadas ás agricultoras e agricultores a título principal", indica a Nós Diario, "que serían aquelas que obteñan máis dun 50% da súa renda pola actividade agraria", engade lembrando que esta idea "está definida por lei". 

Outro dos apartados polémicos é o teito das axudas. "Estabelecen en principio 60.000 euros mais poden chegar até 100.000 euros", explica este sindicalista. Desde a Fruga demandan que o máximo quede en 60.000 euros, "que xa nos parece unha cifra moi elevada", colixe o sindicalista.

A rectificación final de Medio Rural

En relación ao sector lácteo, discrepan neste sindicato da distribución das axudas por número de reses tendo en conta que segundo o Instituto Nacional de Estatistica (INE), máis do 90% das explotacións galegas teñen menos de 200 vacas.

"Cremos que debería ser polos primeiros 150 animais dun 100%, de 151 até 300 un 50%, de 301 até 500 un 25 % e o resto sen asignación", sinala da Cal, "e son cifras considerábeis cando a maior parte das explotacións galegas non superan esa cantidade", lembra.

Ao redor do tamaño das granxas, da Cal pensa que "o modelo de macroexplotación empobrece o país e destrúe o territorio cos problemas medioambientais que xera ter que xestionar os xurros".

Porén, desde esta organización agraria nacionalista "agradecen" a rectificación de Medio Rural ao demandar do Goberno español que as axudas ao vacún de leite se axusten ao tamaño das explotacións galegas, unha cuestión que viñan reivindicando en todos os foros desde sempre a Fruga.

Comentarios