Os 'ecoesquemas' da PAC remunerarán sete prácticas

O Ministerio de Agricultura trasladou a súa proposta de 'ecoesquemas' e axuda básica á renda, ambas dentro da PAC. Desde Medio Rural piden "marxe" para negociar e o SLG denuncia "falta de transparencia" neste proceso.  
Seguemento da reunión sobre a PAC desde o Ministerio de Agricultura (Ministerio de Agricultura).
photo_camera Seguemento da reunión sobre a PAC desde o Ministerio de Agricultura (Foto: Ministerio de Agricultura).

A reunión telemática entre o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, e responsábeis das comunidades autónomas para tratar o Plan Estratéxico para a aplicación da Política Agraria Común (PAC) tiña esta quinta feira como principal asunto sen resolver os denominados 'ecoesquemas', un novo elemento introducido pola Comisión Europea que consiste na remuneración de prácticas consideradas beneficiosas para o medio ambiente que se realicen máis aló da condicionalidade exixida para ter dereito á cobranza de axudas. Sobre os outros apartados o ministro recoñecía que "o groso dos asuntos está xa pechado". 

Planas trasladou unha proposta de ecoesquemas con sete prácticas remunerábeis. Para terras de cultivo pódese optar pola rotación, a agricultura de conservación e semente directa, ou reservar superficies non produtivas e elementos de paisaxe.

Esta reserva de superficies non produtivas tamén é unha opción para os cultivos permanentes, nos que se contempla tamén o mantemento de cubertas vexetais espontáneas, sementadas ou inertes, deixando os restos triturados de poda no chan. O importe por hectárea para cada superficie será o mesmo, sen intervir a práctica que se escolla. No pago sobre cada hectárea só poderá computar unha práctica. 

Sobre a axuda básica á renda, o 60 % do orzamento das axudas directas, estabelécese un modelo simplificado con respecto ao actual, ao pasar de 50 a 20 rexións.

Medio Rural quere continuar negociando

O conselleiro do Medio Rural, José González, ao remate da reunión, indicou que solicitou ao Ministerio continuar coas negociacións para adecuar a nova PAC "ás especificidades da España húmida". A través dun comunicado insistiu en "buscar simplificar a execución dos ecoesquemas" e que atendan a aspectos "como os  vinculados ás explotacións de vacún de leite".

Así, en relación co ecoesquema sobre pastoreo extensivo, González pediu "aumentar a carga gandeira mínima e a máxima, ademais de computar toda a superficie forraxeira da explotación". O Conselleiro salientou do acordo a porcentaxe de asignación da reserva nacional, un 3% para 2023 máis o 1% para 2024, un mecanismo que, di, "permitirá incorporar novas superficies con dereito a cobro".

Falta de transparencia da negociación

"Non houbo novidades", asegurou a Nós Diario Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego Galego (SLG) valorando a reunión, "só a ampliación en dous meses do prazo para presentar o Plan", engade. Cre que "se hai negociación nin a trasladan nin é pública". A sindicalista desminte o anuncio de Medio Rural de que entrarán máis hectáreas na negociación, "cando un documento do Ministerio afirma que entrarían se hai dereitos na reserva nacional".

Para o SLG "non valen as escusas da Consellaría de que este Ministerio abandonou a Cornixa posto que Euskadi e Cantabria conseguiron cousas que nós, a día de hoxe, non conseguimos".  

Comentarios