Crise e suba do IVE provocan unha queda de vendas no comercio galego do 11%

A Federación Galega do Comercio advirte que a retirada da paga estra aos e ás empregadas públicas auguran unha recta de final de ano "desesperada" para o sector
Un comercio que pecha en Compostela
photo_camera Un comercio que pecha en Compostela

O consumo no comercio galego caeu no mes de setembro nun 11%, un descenso no que o impacto da entrada en vigor do novo IVE ten moito que ver, como indican desde a Federación Galega do Comercio. Unha queda que vén engadirse a un ano xa de por si difícil por mor do acentuamento da crise económica.

O propio presidente da Federación, José María Seijas, recoñeceu que non agardaba unha caída "tran grande" do consumo, e que os efectos diso poden ser preocupantes, pois afecta a un amplo abano de sectores, desde o da alimentación até o dos produtos de regalo.

Para alén disto, as espectativas para os vindeiros meses non son nada propicias debido a que no Nadal, época de vendas coa que compensar un ano moi malo, as previsións son funestas. A explicación disto radica, indica Seijas, na supresión da paga extra aos e ás empregadas públicas, que en boa parte ía destinada a gastar no comercio.

Desde o comezo da crise pecharon en Galiza uns 17.000 comercios, un 25% do total, supondo, asemade, a perda duns 43.000 postos de traballo. Os datos foron proporcinadas por asociacións de comerciantes e pequenos empresarios.

Comentarios