Credit Suisse administrou varias contas bancarias vinculadas a nazis até 2020

O Comité do Senado estadounidense abriu en febreiro unha investigación despois de que Credit Suisse despedise en novembro de 2022 o avogado Neil Barofsky, quen foi contratado para supervisar un informe,
Sede financeira do banco Credit Suisse, en Zürich (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sede financeira do banco Credit Suisse, en Zürich (Foto: Nós Diario).

O Comité de Orzamentos do Senado dos EUA anunciou nun comunicado que unha serie de informes demostraron que o banco de investimento suízo Credit Suisse administrou até 2020 contas bancarias de persoas vinculadas co réxime nazi.

Os informes elaboráronse a partir dunha investigación que Credit Suisse encargou AlixPartners, unha firma de análise forense, para que revisase os indicios proporcionados polo Centro Simon Wiesenthal (SWC, polas súas siglas en inglés) sobre que a entidade financeira tiña contas de membros da Unión Alemá de Gremios (UAG), que foi unha organización laboral arxentina afín á Alemaña nazi.

O Comité do Senado estadounidense abriu en febreiro unha investigación despois de que Credit Suisse despedise en novembro de 2022 o avogado Neil Barofsky, quen foi contratado para supervisar a pescuda de AlixPartners, despois de que comezase a indagar sobre os nazis que fuxiron de Europa ao final da Segunda Guerra Mundial.

Os senadores Charles Grassley e Sheldon Whitehouse presionaron ao banco suízo sobre unha indicación realizada por Barofsky de por que non buscou contas asociadas a unha lista de persoas involucradas nunha rede clandestina que se dedicou a extraer nazis de Alemaña despois do conflito bélico.

Que revelou o informe?

Os informes do Comité deron a coñecer que Credit Suisse mantivo contas, a maioría das cales non foran reveladas anteriormente, de 99 individuos que foron altos funcionarios nazis en Alemaña ou membros de grupos afiliados ao réxime nazi na Arxentina. Así mesmo, sacou á luz que se abriron 70 contas de nazis radicados en Arxentina despois de 1945, e que, polo menos, 14 destas permaneceron abertas até 2020.

Por outra parte, mencionou que AlixParteners identificou 21 contas dunha lista de nazis de alto rango proporcionadas polo SWC, incluíndo dúas contas que pertenceron a un comandante nazi sentenciado nos xuízos de Nuremberg e dun comandante das SS. Unha das contas permaneceu aberta até o 2002.

Tamén constatou que a entidade financeira mantivo contas dun executivo alemán absolto en Nuremberg, así como dun científico nazi, un alto oficial das SS e un representante da empresa nazi Deutsche Wirtschaftsbetriebe GmbH (DWB).

"Aínda que Credit Suisse inicialmente acordou investigar a evidencia de contas vinculadas a nazis previamente non identificadas […] a información que obtivemos mostra que o banco estabeleceu un alcance innecesariamente ríxido e estreito, e negouse a seguir novas pistas descubertas durante o curso da revisión", sinalou Grassley, quen agregou que as accións da entidade "poden estar asociadas con roteiros de ratas nazis [sistemas de escape para as elites nazis despois da guerra]", polo que "non é forma de levar a cabo unha investigación exhaustiva e completa".

Con todo, Credit Suisse explicou nun comunicado que tras unha investigación de dous anos non atopou evidencias de que "moitos dos individuos dunha lista arxentina con 12.000 nomes" tivesen contas durante a Alemaña nazi no Schweizerische Kreditanstalt (SKA, polas súas siglas en alemán), antecesor do banco suízo.

Comentarios