O maior banco da Suíza, UBS, confirma que comprará Credit Suisse

Credit Suisse atravesa dificultades debido aos seus problemas internos, acrecentados pola desfavorábel conxuntura internacional no sector.
UBS comprará o segundo banco máis grande da Suíza, Credit Suisse (Foto: Nós Diario).
photo_camera UBS comprará o segundo banco máis grande da Suíza, Credit Suisse (Foto: Nós Diario).

Suíza está a prepararse para tomar medidas de emerxencia para acelerar a adquisición de Credit Suisse por parte de UBS, o maior banco do país, informa The Financial Times citando tres fontes ao tanto do asunto.

Credit Suisse atravesa dificultades debido aos seus problemas internos, acrecentados pola desfavorábel conxuntura internacional no sector. Os reguladores ven o negocio como a única opción para contrarrestar o colapso da confianza no que é o segundo banco máis grande do país.

Baixo as normas suízas, outórganse seis semanas aos accionistas para consultas, pero os informantes do medio aseguran que se prescindiría da votación dos accionistas dado que os bancos e reguladores buscan concretar a negociación antes da apertura dos mercados a segunda feira.

Mentres tanto, as autoridades levaron a cabo unha reunión de emerxencia a noite do sábado para discutir o futuro de Credit Suisse e considerar presentacións de funcionarios gobernamentais, o Banco Nacional Suízo, o regulador Finma e representantes da banca.

As perdas de Credit Suisse

Credit Suisse sufriu esta semana perdas significativas por mor da crise bancaria que afecta os EUA e despois de que o seu principal accionista, o Saudi National Bank, anunciara que non inxectaría máis diñeiro á entidade.

Neste contexto, o banco central suízo viuse obrigado a prestar 50.000 millóns de francos (uns 54.000 millóns de euros aproximadamente) a Credit Suisse.

Con todo, o financiamento outorgado polo regulador non logrou estabilizar o prezo das accións da entidade financeira.

Comentarios