As accións de Credit Suisse caen 64% tras a adquisición do banco por UBS

As seis grandes entidades do Estado español perden valor na bolsa.
Unha muller corre diante da sede do banco Credit Suisse en Londres (Foto: Yui Mok / PA Wire / DPA).
photo_camera Unha muller corre diante da sede do banco Credit Suisse en Londres (Foto: Yui Mok / PA Wire / DPA).

A apertura da bolsa esta segunda feira supuxo un novo derrubamento no valor das accións da entidade financeira suíza Credit Suisse, cuxos títulos chegaban a baixar case 64%, até os 0,67 francos suízos por acción, por baixo da oferta de adquisición de 0,76 francos pactada este domingo con UBS, o maior banco de Suiza.

Pola súa parte, as accións de UBS chegaban a perder 13% do seu valor, despois de que as autoridades suízas e as dúas entidades chegaran a un acordo para a compra de Credit Suisse por UBS por unha contía de 3.000 millóns de francos suízos (uns 3.037 millóns de euros). 

Esta operación inclúe o compromiso do Executivo deste Estado de garantir 100.000 millóns de francos suízos para a liquidez do banco e de asumir até 9.000 millóns de francos en posíbeis perdas.

As consecuencias da caída das accións dos dous bancos suízos fixéronse notar no sector bancario da Unión Europea (UE). De feito, as seis entidades financeiras do Estado español que cotizan na bolsa fixeron un pleno de resultados en cor vermella.

A maior caída foi a de Unicaja Banco (-2,53%), seguida das de Banco Sabadell (-2,37%) e Banco Santander (-1,48%). Algo menos pronunciadas foron as perdas de cotización de Bankinter (-0,96%), CaixaBank (-0,46%) e BBVA (-0,43%).

O Goberno español pide "prudencia" e "cautela"

A portavoz do Goberno español e ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, lanzou esta segunda feira unha mensaxe de "prudencia" e "cautela" ante un escenario de posíbel crise financeira.

"Valoramos moi positivamente a mensaxe do Banco Central Europeo (BCE) de confianza ao redor da estabilidade financeira da UE", remarcou  a representante do Executivo do Estado español.

Comentarios