Credit Suisse recorre a axuda pública e pide un préstamo de 54.000 millóns de euros

Esta terza feira as accións de Credit Suisse, o segundo banco máis grande de Suíza, caeron máis de 15% até chegar a 2.290 dólares a unidade, por mor da crise bancaria que afecta os EUA
Edificio de Credit Suisse en Zûrich, Suíza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Edificio de Credit Suisse en Zûrich, Suíza (Foto: Nós Diario).

O banco de investimento Credit Suisse (CS) anunciou a súa intención de acceder a un mecanismo de préstamos e de liquidez a curto prazo do Banco Central Suízo (BCS) por un total de 50.000 millóns de francos suízos (54.000 millóns de euros aproximadamente), segundo un comunicado publicado esta quinta feira na súa páxina web.

A entidade con sede en Zürich tamén anunciou ofertas de Credit Suisse International para recomprar certos títulos de débeda sénior por diñeiro en efectivo por un valor aproximado de 3.034 millóns de dólares.

O texto indica que estas "medidas decisivas" tómanse para "fortalecer de forma preventiva a súa liquidez", podendo apoiar así os negocios e clientes principais da súa entidade.

Con iso, pretenden dar os pasos adecuados para "crear un banco máis simplificado e máis centrado nas necesidades dos seus clientes", recalca o comunicado.

Así mesmo, CS tamén anunciou que leva a cabo dúas ofertas públicas de adquisición en efectivo: unha en relación con 10 títulos de débeda sénior denominados en dólares estadounidenses por unha contraprestación total de até 2.500 millóns de dólares e outra vinculada a catro títulos de débeda sénior denominados en euros por unha contraprestación total de até 500 millóns de euros.

"Estas medidas demostran unha acción decidida a fortalecer Credit Suisse a medida que continuamos a nosa transformación estratéxica para brindar valor aos nosos clientes e outras partes interesadas", declarou Ulrich Koerner, director executivo da entidade.

Así mesmo, Koerner deu as grazas ao BNS e á Autoridade Suíza Supervisora do Mercado Financeiro (FINMA) por esta axuda prestada nun momento no cal o CS está a executar a súa "transformación estratéxica".

Como chegou o segundo banco a esta situación?

Horas antes, o Banco Nacional Suízo asegurou que proporcionaría liquidez a Credit Suisse no caso de que fose necesario, precisando que non existen indicios de risco directo de contaxio para as institucións suízas, en relación coa actual axitación do mercado bancario estadounidense.

Esta terza feira as accións de Credit Suisse, o segundo banco máis grande de Suíza, caeron máis de 15% até chegar a 2.290 dólares a unidade, por mor da crise bancaria que afecta os EUA Un día despois sóubose que as súas accións caeron 30,49% despois que o seu principal accionista, o Saudi National Bank, declarase que non inxectaría máis diñeiro á entidade.

Predición atinada

Só un día antes o recoñecido investidor e escritor estadounidense Robert Kiyosaki, quen predixo a quebra de Lehman Brothers en 2008, afirmou que cría que o próximo banco en crebar sería o CS debido á a caída do volátil mercado de bonos.

O Silicon Valley Bank, décimo sexto banco máis grande dos EUA, protagonizou a pasada sextafeira a maior quebra bancaria no país norteamericano desde a crise financeira mundial de 2008.

O colapso ocorreu logo de que os depositantes, na súa maioría relacionados co sector da tecnoloxía e empresas apoiadas por capital de risco, retirasen o seu diñeiro durante a semana pasada, a medida que se estendía a preocupación pola crise que atravesaba a entidade bancaria.

Comentarios