Axencias financeiras baixan a "negativa" a cualificación do principal banco suízo

Persoal de UBS e Credit Suisse solicita rescatar os postos de emprego.
UBS é o maior banco de Suíza (Foto: Sebastian Gollnow / DPA).
photo_camera UBS é o maior banco de Suíza (Foto: Sebastian Gollnow / DPA).

As axencias de supervisión financeira Moody's e S&P confirmaron esta terza feira os seus respectivos ratings para o banco suízo UBS, mais revisaron á baixa a perspectiva para as cualificacións da entidade, que pasan a ser negativas desde estábeis, despois do acordo para a adquisición de Credit Suisse.

"Vemos un risco de execución importante na integración de Credit Suisse (CS) por parte de UBS", sinalou S&P en referencia ao tamaño e o perfil crediticio máis débil de CS e, en particular, a complexidade de liquidar unha gran parte das operacións de banca de investimento do que até o domingo era o segundo maior banco suízo.

"Isto podería significar un enfraquecemento da posición competitiva do grupo combinado ou un rendemento inferior ao dos seus obxectivos financeiros debido a custos considerábeis de reestruturación ou litixios, presión sobre a capacidade de ingresos ou contratempos na realización de aforros de custos", advirte a axencia financeira.

Pola súa parte, Moody's explicou que a transacción expón importantes desafíos financeiros, culturais e de integración para UBS. Porén, indica a entidade de cualificación, "estes negocios continuarán xerando unha base de ganancias central relativamente estábel coa cal absorber os custos de reestruturación".

Perigo do emprego

A Asociación de Empregados Bancarios de Suíza considera necesario conxelar os despedimentos até final de ano como parte dun "paquete de rescate" para os empregados de Credit Suisse e UBS.

"A adquisición ameaza con eliminar postos de traballo nunha escala que o mercado laboral na industria bancaria non podería absorber", engaden os traballadores do sector bancario suízo.

Comentarios