A compravenda de vivendas na Galiza encadea tres meses de baixada consecutiva

A nivel estatal, o número de compravendas de vivendas baixou 14,5% en taxa interanual o pasado mes de xuño, até alcanzar as 61.414 operacións, mentres que o prezo medio do metro cadrado situouse en 1.600 euros.
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

A compravenda de vivendas descendeu 5,5% na Galiza en xuño respecto ao mesmo mes do ano anterior, e faino por terceiro mes consecutivo, segundo os datos do Centro de Información Estatística do Notariado.

En xuño, contabilizáronse no país 2.306 compravendas. Segundo o tipo de vivenda, 1.601 deles foron pisos (10,8% menos) e 705 unifamiliares, 9,4% menos que un ano antes.

Ademais das compravendas, tamén os prezos levan varios meses seguidos de baixadas na Galiza. En xuño reducíronse 4,7% respecto ao mesmo mes de 2022.

O custo medio do metro cadrado en xuño na Galiza foi de mil euros, aínda que nos pisos aumentou 1,7% en taxa interanual até situarse en 1.311 euros o metro cadrado mentres que o custo das unifamiliares caeu 5,4% en comparación co ano anterior até os 701 euros por metro cadrado.

Mentres, diminuíron 21,4% os préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda nopaís, onde se asinaron 940 operacións. A contía media destes préstamos foi de 120.411 euros, 1,4% menos que en xuño. 40,8% das compras de vivenda financiouse mediante hipoteca.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de compravendas de vivendas baixou 14,5% en taxa interanual o pasado mes de xuño, até alcanzar as 61.414 operacións, mentres que o prezo medio do metro cadrado situouse en 1.600 euros, 2,6% menos que en xuño de 2022, segundo datos do Consello Xeral do Notariado publicados esta quinta feira.

Por tipo de vivenda, as compravendas de pisos reducíronse 13,8% interanual, até as 47.369 unidades, mentres que as compravendas de vivendas unifamiliares diminuíron 16,7% interanual, até as 14.045 unidades.

Pola súa parte, os préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda baixaron 25,8% interanual o pasado mes de xuño, até as 26.380 operacións. A contía media destes créditos diminuíu 4,5% interanual, situándose nos 147.227 euros.

Comentarios