Competencia acode ao Supremo en defensa de Monbus e de Alsa

A Comisión Galega da Competencia recorrerá perante o Tribunal Supremo (TS) a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que a obriga a sancionar Monbus e Alsa por un suposto reparto do mercado de transportes de pasaxeiras e pasaxeiros por estrada. A situación de dominio destas dúas compañías é consecuencia das concesións públicas da Xunta da Galiza.

O presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, en comisión parlamentaria. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, en comisión parlamentaria. (Foto: Europa Press)

O presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves, anunciou esta quinta feira na comisión de Economía do Parlamento da Galiza, en que interveu a petición propia, a decisión do organismo dependente do Goberno galego de acudir ao TS en defensa dos criterios empregados nas adxudicacións das concesións do transporte público por parte da Xunta da Galiza. Explicou que a medida legal desenvólvese para determinar se debe "aplicar o test de necesidade ou o de razoabilidade empresarial".

López-Chaves, antigo voceiro do PP no Concello de Vigo e deputado popular durante varias lexislaturas, afirmou que “se nos rexeitan o recurso ao Supremo e hai que aplicar o test de necesidade, aplicarémolo. Pero o recurso foi para saber cal aplicar". Neste sentido, argumentou que "fronte a unha postura tradicional-conservadora, está a alzarse unha corrente non só doutrinal, senón xurisprudencial, de valorar aspectos procompetitivos da UTE (Unión Temporal de Empresas)".

A sentenza recorrida agora obrigou a Comisión Galega da Competencia a iniciar os trámites para abrir un expediente sancionador contra Monbus e Alsa "por indicios de que puideron repartirse o mercado" ao concorrer en 2020, a través dunha UTE, a un concurso público de varios contratos de transporte por estrada. Ao tempo, cuestionou a actuación do organismo presidido por López-Chaves, que “non analizou nin comprobou se a distribución dos lotes favorece a Alsa e Monbus, imposibilitando a concorrencia das de menor entidade".

As acción xudiciais avanzadas por López-Chaves foron rexeitadas polas forzas da oposición parlamentaria. Así, a deputada nacionalista Carme González destacou as supostas "prácticas anticompetitivas por parte de Monbus e Alsa acordando repartirse os lotes". Pola súa parte, o representante socialista, Gonzalo Caballero, reclamou unha "valoración" da sentenza  do TSXG que ve "indicios racionais de infracción".

A posición hexemónica de Monbus no mercado galego de transportes por estrada foi denunciada de maneira repetida desde o ámbito empresarial e sindical. Neste momento, controla arredor de 80% das liñas de transporte público por estrada da Galiza. Así, no concurso de 2019, foi adxudicataria de 52 lotes de transporte regular por estrada, en 2020 de 88 lotes de transporte regular por estrada, conseguindo en 2021 unha parte importante das liñas de transporte escolar.

O concurso de adxudicación do transporte escolar de 2021 respondeu a unha lóxica semellante das liñas regulares. Monbus, mediante a UTE, concorreu a 37 dos 57 lotes ofertados desde a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta da Galiza, o que supuxo unha participación en máis de 65% dos lotes que integraban a referida oferta pública, cuxa contía total ascendía á cantidade de 138.816.730,73 euros.

Comentarios