O Executivo estatal interpón un recurso contra o veto da UE á pesca de fondo

O Goberno español interpuxo esta segunda feira o recurso de anulación contra o regulamento que prohibe a pesca en 87 áreas. Porén, esta iniciativa non implica a petición de paralización cautelar dunha medida que xa está reducindo un 50% as capturas no sector do palangre.
Un traballador realiza labores nunha embarcación do porto de Burela, na comarca da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un traballador realiza labores nunha embarcación do porto de Burela, na comarca da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Executivo estatal presentou esta segunda feira ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) o recurso á aplicación do veto da Comisión Europea sobre a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico a partir dos 400 metros de profundidade, segundo confirmou o ministro de Pesca español, Luis Planas.

O recurso interposto polo Goberno español chega máis dun mes despois da entrada en vigor do veto, o pasado 9 de outubro. Como xa afirmara antes desta data o ministro, o Executivo estatal non solicitará unha moratoria ou suspensión das restricións de Bruxelas, tal e como demanda o sector.

Segundo sinalou Planas, a execución do veto ditada por Bruxelas "non respectou o principio de proporcionalidade nin o mellor coñecemento científico en relación coa solución adoptada". "Se traballamos xuntos os resultados sempre son mellores", dixo o ministro, en alusión á "magnífica" colaboración coas confrarías de pescadores, apelando á unidade "nesta importante acción xudicial". O Goberno español ten "a man tendida á Comisión Europea", coa que quere dialogar para limitar "esta medida restritiva", afirmou o titular de Pesca do Executivo estatal.

O prazo para a interposición de recursos ante o TXUE contra a prohibición de pescar en 87 áreas do Atlántico entre Irlanda e o golfo de Cádiz por parte dos Estados remata o vindeiro sábado, 19 de novembro. Así, o Goberno español acabou por presentar o documento contra a decisión con pouca antelación, só cinco días antes da finalización do período. O sector pesqueiro terá máis tempo para recorrer, cun tope que demorará até o 15 de decembro. Polo de agora tan só presentou recurso a organización de produtores de Burela.

As consecuencias do veto

Ás portas da campaña de Nadal, o sector pesqueiro galego aínda está a tratar de adaptarse á nova situación imposta tras a entrada en vigor o pasado 9 de outubro do veto á pesca de fondo. Os seus representantes advirten de que supuxo unha caída das capturas e fixo que se instale unha sensación de "pesimismo" de cara ao futuro.

De feito, o presidente da Federación Estatal de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, cuantificou a perda de capturas na pesca de palangre en 50%. Neste contexto, asociacións do sector na Galiza mostraron a súa preocupación sobre a subsistencia das empresas debido a que moitos barcos tiveron que buscar outros caladoiros onde pescar. No entanto, na maioría das ocasións non obteñen alí os mesmos resultados que nas súas zonas tradicionais de traballo.

Paralización da decisión

Aínda que as forzas do arco parlamentario galego recibiron con agrado a interposición do recurso, tamén se realizaron críticas. O viceportavoz do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, comparou a "axilidade" coa que, dixo, a Xunta "elaborou a súa documentación xurídica e científica", co tempo que "tardou" o Executivo español en presentar o recurso, mais afirmou confiar en que "os informes galegos sirvan para decantar a decisión a favor de levantar o veto".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou que o Goberno do Estado español tamén urxa a paralización do veto, desde a "presión política", posto que a resolución do recurso pode chegar demasiado tarde para o sector pesqueiro.

O portavoz parlamentario socialista, Luis Álvarez, defendeu que "non é un recurso fácil", senón "tecnicamente complicado" e destacou que a presentación da acción xudicial demostra "o compromiso da palabra dada".

O presidente da mancomunidade de municipios da Mariña e alcalde de Foz, Fran Caxoto, asegurou que o recurso que presenta o Goberno español contra o veto da pesca de fondo está "ben fundamentado". Caxoto afirma que "hai que ser optimista sempre" e avoga por "non deixar de pelexar nas institucións públicas".

O presidente da mancomunidade asegurou estar "todos a un tempo, porque este veto ten un gran impacto" na frota e iso "é o que hai que facer". "Recorrer, porque non hai que renderse en ningún caso", aseverou. "Hai esta opción, despois tamén é tarefa de buscar ese acordo nas institucións europeas e seguir pelexando até o último momento", engadiu.

Comentarios