O palangre perde 50% das súas capturas polo veto de Bruxelas á pesca de fondo

Saen á luz -en base ás capturas realizadas- as primeiras análises por parte do sector pesqueiro galego a respecto das consecuencias na frota que ten o veto de Bruxelas á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico Norte: o palangre de fondo é a arte máis castigada, coa perda de capturas de 50% con respecto a anteriores mareas.
Embarcación amarrada no porto de Celeiro, no municipio de Viveiro (Foto: O Roxo).
photo_camera Embarcación amarrada no porto de Celeiro, no municipio de Viveiro (Foto: O Roxo).

Os barcos galegos que chegaron nas últimas xornadas a porto despois dunha marea completa baixo a influencia do veto de Bruxelas á pesca de fondo aínda son poucos, mais son abondo para que o sector  pesqueiro teña extraído as súas primeiras conclusións.

Así, o palangre de fondo, como era esperado, está a experimentar as principais perdas derivadas da nova situación, chegando a rebaixar o seu nivel de capturas en 50% con respecto aos resultados de anteriores mareas.

Uns datos que foron corroborados a Nós Diario polo presidente da Federación Estatal de Confrarías de Pescadores e patrón maior do porto de Burela, Basilio Otero, nunhas declaracións a este xornal despois da reunión informativa que o sector pesqueiro mantivo en Madrid coas distintas Administracións para avaliar as consecuencias do veto de Bruxelas e os pasos a dar para a presentación dun recurso ao mesmo ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

"No canto de realizar oito ou nove lances, os barcos están a botar 12 ou 13 lances, por iso se están alongando as mareas, porque as capturas son moito menores", explica Otero. "Coincide nunha época, ademais, na que se empregaban moito as zonas vetadas para pescar, polo que as consecuencias están a ser aínda peores para o palangre de fondo, que está a perder a metade das súas capturas", afirma.

"Houbo barcos que tiveron que esperar dous ou tres días para coller zona, unhas xornadas nas que teñen que permanecer cos motores acesos, o que provoca perdas, e co prezo ao que está o diésel non hai moita capacidade para intentar experimentar en novas zonas", resalta o presidente da federación estatal de confrarías de pescadores. 

A situación é diferente no caso doutras artes como a de volante e o arrastre. "O feito de que se poidan realizar capturas nas zonas até 400 metros fixo que estas artes practicamente non quedaran afectadas", sinala.

Os barcos do palangre de fondo, os máis afectados, supoñen un continxente de ao redor de 80 barcos na zona norte do país, entre os portos de Burela e Celeiro. A magnitude do problema visualizase ao ter en conta que supoñen 40% do total das grandes embarcacións galegas.

Unha realidade que tamén confirmou a este xornal Suso Lourido, responsábel de frota e xerente de produtores de Celeiro, que indicou que "aínda que non se poden ter unhas estimacións precisas pois non houbo unha rotación completa da nosa frota, os primeiros datos son nefastos facendo a comparación cos dez primeiros días do ciclo anterior".  "As primeiras cifras son dunhas capturas de menos de 50%, pero temos que agardar máis resultados para ter unha imaxe da comparativa cos anos anteriores", afirma Lourido.

Non soben os prezos

A diminución de capturas do palangre de fondo non está a ter un contrapeso na evolución do peixe no mercado. "Hai outras pescarías como a volanta que están tendo bos resultados e non se da compensado o nivel de capturas cos prezos nas lonxas", explica Otero.

"Boa campaña" do bonito

A nota positiva son as avaliacións con respecto á evolución da campaña do bonito. "Foi unha campaña boa, alongouse no tempo e polo tanto foi moito máis tranquila e houbo maior prezo medio do peixe", sinala. 

"Non houbo un incremento de capturas, o que pasa é que a cota que temos de bonito alongouse, o ano pasado fechouse o 14 de agosto e este ano aínda non fechou, polo que ao irse vendendo máis a modo, houbo mellores prezos". "A suba do prezo medio compensou a suba de custos, o que evitou que a campaña fora un desastre", culmina.

Avances de cara ao recurso contra o veto

A mediados de novembro remata o prazo para a presentación do recurso, polo que "en tres semanas como moito ten que estar preparado". A secretaria xeral de Pesca do Estado español, Alicia Villauriz dixo que "non se sabe aínda a data exacta" para a súa presentación, mais "asegurou que o recurso estará preparado canto antes", adianta o patrón maior de Burela a Nós Diario.

Comentarios