O comisario europeo ignora as demandas da frota contra o veto á pesca de fondo

Basilio Otero explica a 'Nós Diario' o desenvolvemento da reunión.
O presidente da Federación Estatal de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero (Foto: Federación Estatal de Confrarías).
photo_camera O presidente da Federación Estatal de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero (Foto: Federación Estatal de Confrarías).

O presidente da Federación Estatal de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela, Basilio Otero, explicou a Nós Diario que esta sexta feira, na reunión mantida co comisario europeo de Pesca, Océanos e Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius, as confrarías solicitaron "a suspensión da veda" derivada do veto da Comisión Europea á frota de fondo en 87 zonas do Atlántico. 

Otero tamén fixo mención nesta reunión ao "prexuízo que causa en postos como no que eu estou, que é Burela". En resposta, o responsábel da Comisión Europea dixo ser consciente de que "Burela é un dos portos máis prexudicados", explicou.

As confrarías tamén explicaron "a necesidade de que se empreguen datos actuais", ao que o comisario respondeu que "tería datos novos no mes de decembro e que en xaneiro comezarían a revisar esas vedas, mais que iso non implicaba que a revisión supuxera modificacións". Otero afirmou que se tratou dunha reunión "con pouco resultado". 

"Non abriu a porta á revisión do veto, é unha obriga que ten, non hai nada novo, cando hai unha recomendación científica nova hai que revisar o que está feito, ímonos absolutamente igual que viñemos", explicou.

"O único que conseguimos foi falar co comisario de Pesca e explicarlle o que representan as confrarías para o noso territorio, e agora teremos que pedirlle unha nova reunión para seguir insistindo", laiouse Otero.

Sobre o recurso presentado ao veto da Comisión Europea á pesca de fondo, Sinkevicius explicou que "era consciente do seu rexistro e que o Estado español estaba no seu dereito mais que el tiña unha orde de 2016 (en mención ao regulamento 2016/2336 de 14 de decembro de 2016 aprobado polo Parlamento europeo e a Comisión polo que se estabelecen condicións específicas aplicábeis á pesca de poboacións de augas profundas no Atlántico Nororiental e disposicións relativas á pesca en augas internacionais) que simplemente estaba cumprindo", dixo o representante das confrarías.

"O problema non é confiar en que a decisión vaia cambiar, o problema e cando vai suceder esta mudanza, os barcos están sufrindo desde xa fai un mes e cando chegue ese cambio igual xa é tarde", sinalou. "Temos esperanzas en que o xuíz ou a xuíza á que lle tome avaliar os recursos ao veto poida pedir a suspensión cautelar de oficio", explicou.

Duras consecuencias para a frota do palangre

"As redución de capturas están en 50%, e aínda que é un pouco cedo para medir as consecuencias, o certo é que xa se están facendo notar, as complicacións nótanse sobre todo no palangre de fondo", afirmou o representante das confrarías. 

"Explicámoslle cal era a sostibilidade da frota do palangre, que a 'arma destrutiva' desta arte ten a dimensión dunha moeda dun euro, que é o tamaño de cada peza que toca no fondo do mar cada 150 metros", sinalou. 

"Continuou apelando ao mandato de 2016 e a que tiña que cumprilo, de pouco nos sirve que sexa receptivo a estas explicacións se non modifica nada, escoitounos con educación como lle corresponde a un comisario mais nada do que dixo nos sirve para dicirlle aos nosos compañeiros pescadores", concluíu Otero.

O veto provoca que as mareas se alonguen en dous e tres días

O profesor de economía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Rodríguez, en declaracións a Nós Diario, sinalou que "os días de marea para traer a mesma cantidade de peixe se están alongando en dúas e tres xornadas" xa que "hai que desprazarse fóra dos caladoiros tradicionais e onde existen bancos non poden operar todas as embarcacións ao tempo".

"Cae a actividade pesqueira de cada xornada e gastase máis combustíbel, estamos traballando nunha cuantificación das perdas mais aínda non temos datos suficientemente amplos para poder dar cifras", afirma.

Sobre a influencia da caída das capturas, o economista sinala que "os prezos están marcados polo que poden ou están dispostas a pagar as cadeas de distribución, polo que hai que prestar atención á posíbel entrada de produto de importación".

Comentarios