As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal lanzan un SOS polo seu futuro

A CIG, CCOO e UXT convocan unha folga xeral de catro horas para o vindeiro día 17 de decembro que terá lugar entre as 10 e as 14 horas.  Ese mesmo día unha cadea humana de entre 4 e 5 quilómetros unirá os concellos de Ferrol e Narón a partir das 11 horas. 
Concentración de empregadas e empregados do Naval en Ferrol. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración de empregadas e empregados do Naval en Ferrol. (Foto: Europa Press)

A situación das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal é dramática. As tres forzas sindicais con máis presenza nelas, a CIG, CCOO e UXT, chegaron hai tempo a esta conclusión, pero o remate de ano e as perspectivas de que 2021 empeore aínda máis o panorama económico e laboral desta zona levaron a unirse na convocatoria dunha folga xeral de catro horas para o vindeiro día 17 de decembro que terá lugar entre as 10 e as 14 horas.  Ese mesmo día unha cadea humana de entre 4 e 5 quilómetros unirá os concellos de Ferrol e Narón a partir das 11 horas. 

O estaleiro de Navantía, o futuro da central térmica de Endesa nas Pontes e a deslocación de Siemens desde As Somozas até Portugal son o foco dun problema ao que se suman as empresas auxiliares, de servizos e a propia hostalaría. 

Sen novidade das comarcas nos orzamentos

"O fechamento de empresas e negocios é continuado", explica Manel Grandal, secretario comarcal da CIG, a Nós Diario, "e o motor que é Navantia está sen carga de traballo polo que cando se inicie 2021 as empresas auxiliares padecerán", engade. Este sindicalista denuncia que "os orzamentos do Estado español e o borrador dos da Xunta da Galiza esquecen estas comarcas". Da mesma opinión é o Secretario xeral de CCOO en Ferrol, Santiago Díaz, que engade que tampouco "hai proxectos dentro dos fondos europeos" que dean esperanza á poboación. 

Infraestruturas obsoletas

"Falamos de empresas mais tamén de comunicacións", asegura o sindicalista da CIG. No punto de mira está "o tren e a liña de alta capacidade que son vitais para dar solucións". Díaz explica que "a liña férrea que nos une coa Coruña e con Betanzos leva sen apenas tocarse desde que se fixo en 1914". Entre os atrancos que padece a poboación cada día, as malas comunicacións impiden o progreso económico, e pon como exemplo que "en Betanzos seguen cun sistema no que os trens teñen que parar alí e agardar 20 minutos para desviarse en dirección a Ferrol".

Explica que nos orzamentos figura un estudo para este tema, "mais debe ser o terceiro que se pide e non comezan nunca as obras", "levamos 20 anos con reclamacións". Sinala, ademais que o traxecto de 55 km coa Coruña ten unha duración de 1,20 horas e conta con só tres trens ao día. 

Decrecemento maior da poboación

"É unha situación dramática, de decrecemento da poboación", apunta o sindicalista de CCOO. "Hai 20 anos tíñamos 20 mil habitantes máis dos que temos hoxe" polo que "non hai outra cidade na Galiza ou no Estado que conte con esta dimensión de decrecemento". Culpa deste panorama "á falta de postos de traballo".  Ten claro que  se "as nosas fillas e fillos non atopan aquí emprego" a perda de poboación continuará.

"Ferrol tiña un peso considerábel na industria galega e hoxe en día está toda a comarca parada", resume. Para José Antonio Díaz, secretario xeral da UXT en Ferrol boa parte da culpa está na "mal chamada reconversión naval por non dotar de empresas que puidesen paliar a falta de traballo no naval que temos agora".

Folga en Siemens Gamesa pola falta de carga de traballo

Persoal de Siemens Gamesa no polígono industrial das Somozas aprobou en asemblea o desenvolvemento de dúas xornadas consecutivas de folga, cun parón de 48 horas, a realizar as vindeiras segunda e terza feira. Denuncian que a planta está a quedar sen traballo, xa que os encargos de pas aeroxeneradoras do modelo SG-114, que son as que maioritariamente realizan nesta factoría, están a piques de ser finalizadas.

Comentarios