O persoal da térmica das Pontes exixe parar o plan de recolocacións

Os traballadores denuncian que Endesa non cumple co acordo pactado de recolocar ao persoal preto da central e critican que o faga antes de ter os resultados das probas con biocombustíbeis.
Central térmica de Endesa nas Pontes.
photo_camera Central térmica de Endesa nas Pontes. (Foto: Arquivo)

Endesa segue a sumar conflitos. Desta vez non son os transportistas nin os ecoloxistas, senón os traballadores e traballadoras da central das Pontes, que exixen a paralización do plan de recolocacións até que se aclare o futuro da planta. 

Segundo denuncian nun escrito, a central acaba de rematar as probas de biocombustíbeis e están á espera dos resultados, "aínda que a primeira impresión é que son totalmente satisfactorios".

É un estudo comprometido pola empresa en sede ministerial e non unha mera farsa como dá a entender continuando co proceso de recolocacións sen esperar os resultados", denuncian os traballadores, que non acaban de entender por que Endesa comezara co proceso ao mesmo tempo que noutras centrais co fechamento xa oficializado

No seu comunicado, o comité de empresa da central térmica das Pontes relata que de 71 posíbeis solicitudes de traslado, a empresa realizou unha comunicación onde se asignaron a 34 traballadores prazas que non solicitaran repartidas por todo o territorio español; a 19 traballadores asignáronselles prazas solicitadas, a maioría tamén fóra do territorio, sendo gran parte deles persoal das máximas categorías, e hai 18 persoas sen praza comunicada, pero temendo tamén que sexan fóra da Galiza.

"Isto incumpre totalmente as palabras do conselleiro delegado, que afirmaba a creación de prazas nunha contorna de 40 quilómetros da central", denuncian.

A esta cuestión hai que sumar o feito de que a empresa está comunicando a algúns deles a súa incorporación aos novos destinos "nun ou dous meses máximo", o que supón, nun persoal tan reducido, "un baleirado que poría en perigo a operación normal da central e, por suposto, a realización de futuras probas", así como graves problemas de seguridade pola falta de efectivos.

Por todo iso, o Comité esixe a paralización inmediata do proceso de recolocacións e o bloqueo total a calquera tipo de movemento de persoal até a execución, tal e como estaba comprometida, de todas as probas ou, no seu caso, até que estea aprobado o fechamento da central, unha petición que fan extensiva ao persoal que traballa no Porto de Ferrol e cuxos postos de traballo están directamente relacionados coa operativa da térmica. Do contrario, non desbotan medidas legais.

Comentarios