Competencia abre un expediente sancionador contra Repsol por estas posíbeis prácticas abusivas

A petroleira aproveitaría a súa posición de dominio no mercado almacenista de hidrocarburos estatal para levar a cabo diferentes condutas que poderían ser abusivas desde marzo até decembro de 2022, segundo a CNMC.
Sede de Repsol en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sede de Repsol en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de iniciar un expediente sancionador contra Repsol por posíbeis prácticas anticompetitivas, constitutivas dun "abuso de posición de dominio", no mercado da distribución ao por maior de combustíbeis para automoción no Estado español. A noticia avanzouna esta terza feira o organismo, que investiga Repsol Comercial de Produtos Petrolíferos, Repsol Directo, Repsol Customer Centric, Solred, Campsa Estacións de Servizo —marca comercial do xigante español dos carburantes— e a propia Repsol, como grupo que está presente en toda a cadea de valor do proceso de produción e comercialización de combustíbeis para a automoción.

Desde a CNMC detallaron que a petroleira aproveitaría a súa posición de dominio no mercado almacenista de hidrocarburos estatal para levar a cabo diferentes condutas que poderían ser abusivas desde marzo até decembro de 2022. Por unha parte, ofrecer descontos adicionais en combustíbeis ás persoas usuarias das súas estacións de servizo a través de aplicacións ou de tarxetas de fidelización e pagamento. E, por outro, incrementar o prezo que terceiros competidores —estacións de servizo independentes— pagan a Repsol por adquirir o combustíbel no mercado almacenista.

Por iso, dada a posición de Repsol neste mercado, as condutas suporían unha estratexia "exclusionaria" fronte a terceiros competidores —estacións de servizo independentes—. Ademais, terían a capacidade de erosionar as marxes comerciais dos devanditos competidores e limitar a competencia na distribución retallista, tal e como explicou a CNMC.

As citadas condutas poderían constituír unha vulneración do artigo 2 da Lei 15/2007 do 3 de xullo de Defensa da Competencia (LDC) e do artigo 102 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).

Denuncias previas

A investigación iniciouse a raíz as denuncias presentadas pola Asociación Nacional de Estacións de Servizo Automáticas (AESAE) e a Asociación de Comercializadores Independentes de Hidrocarburos por prácticas contrarias aos artigos 2 da LDC e 102 TFUE. Ante a sospeita de existencia de posíbeis prácticas anticompetitivas, a CNMC abriu unha información reservada —artigo 49.2 da LDC— e levou a cabo unha inspección domiciliaria na sede de Repsol.

A incoación deste expediente non prexulga o resultado final da investigación, á vez que se abre agora un período máximo de 24 meses para a súa instrución e resolución.

Comentarios