A clientela de Abanca recupera en Consumo as comisións

A directora xeral de Consumo asegura que todas as reclamacións polo cobro de comisións abusivas por parte de Abanca foron favorábeis á clientela.
Oficina de Abanca na rúa Olmos da Coruña (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Oficina de Abanca na rúa Olmos da Coruña (Foto: Xoán Roberes).

Todas as reclamacións realizadas a través do Instituto Galego do Consumo contra as comisións por xestión e mantemento das contas de aforro de Abanca resolvéronse a favor da clientela. Así o anunciou a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, na comisión de Economía do Parlamento galego, en resposta a unha pregunta na que o deputado socialista Francisco Rivera denunciou as condicións "abusivas" de Abanca, aplicadas "sen ningún tipo de negociación" coa clientela.

Na súa intervención, Rivera tamén se queixou de que as entidades financeiras gozan de "certa impunidade" para aplicar estas medidas, ao que Vázquez Abeal respondeu recordando que o pasado de 2 de xullo a Xunta xa mostrara ao Banco de España a súa "preocupación" pola situación creada polo cobro destas comisións nun contexto de crise derivada da pandemia do coronavirus co obxectivo de que o órgano supervisor "avaliase de antemán" a pertinencia de aplicación.

Posteriormente, relatou a directora xeral, o 10 de xullo o Goberno galego mantivo unha reunión con Abanca para "mediar" e buscar unha "solución satisfactoria". A titular de Consumo dixo que "se lle lembrou" á entidade a existencia dun decreto que vela por que as persoas en situación de vulnerabilidade poidan ter contas bancarias gratuítas, de forma que "se conseguiu que se aplicase a clientes máis vulnerábeis".

Ademais, para "máis claridade", explicou que a Xunta dirixiu unha proposta o 18 de setembro á Conferencia Sectorial de Consumo para que "non se poidan modificar" as condicións contractuais de contas que teñan unha publicidade específica "en determinados aspectos que foron determinantes para a súa contratación", de modo que non se poida levar a engano con certa publicidade sobre contas sen gastos.

Así mesmo, defende que non poida haber "modificacións unilaterais" se "non é salvargardando os dereitos das persoas". Neste senso, agarda que haxa unha resposta do Ministerio á súa suxestión.

Por último, respecto da proposta dos socialistas para "actuar de oficio" e facer que cesen esas prácticas, Sol Vázquez dixo que xa están a actuar e apuntou que a "abusividade" das comisións "só a pode declarar un xuíz".

Comentarios