Centos de estudantes 'pelexan' polos pisos en aluguer: "As vivendas que hai son carísimas, e a xente acaba pagando calquera prezo"
As axencias inmobiliarias atopan estes días ringleiras de estudantes na procura dunha vivenda de cara ao vindeiro curso, como foi o caso esta quinta feira da capital galega. As universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo reúnen nos seus campus, cada ano, máis de 70.000 alumnos e alumnas ás que proporcionan, en total, arredor de 1.500 prazas públicas de aloxamento en colexios maiores e residencias.
Os prezos oscilan entre os 46 e os 291 euros, dependendo das rendas familiares. A USC dará a coñecer o vindeiro 31 de xullo a lista de persoas que accederán a unha das 960 prazas en residencias públicas dispoñíbeis, 50 máis que o curso pasado mais que apenas darán cobertura a 27 de cada 100 estudantes.
A alternativa, para a gran maioría que queda fóra das escasas prazas ofertadas, é recorrer ás inmobiliarias, onde a súa demanda agrava aínda máis uns mercados xa de por si tensionados. Pero non é unha opción para todas as familias.
“Un piso en Santiago de 3 habitacións ten unha renda mensual de entre 1.200 e 1.600 euros, o que supón uns descomunais 300 ou 400 euros por habitación”, explica a este xornal Jacobo Blanco, da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin).
Desde o sector alertan de que nas grandes cidades “segue a aumentar desde hai anos o aluguer por habitacións, que agora xera un volume de negocio tal que hai familias completas que están recorrendo a elas”. Nos últimos anos a falta de vivendas en aluguer está a provocar un grande éxodo de estudantes a concellos veciños.
“O problema é xeral, non son só os estudantes. Hai dez anos que falta obra nova porque, hai 20 anos que practicamente non se constrúen edificios novos”, incide Blanco. A demora na regulación das vivendas de uso turístico (VUT) abocou parte do parque inmobiliario nas grandes cidades, ao seu ver, cara a un negocio que “non tiña normativa”.
Jacobo Blanco advirte de que en facer crecer o parque de vivendas tardaranse “polo menos catro anos” desde que se empecen a construír novos edificios; mentres tanto, “as vivendas que hai son carísimas, e moita xente acaba pagando calquera prezo”.
O mercado inmobiliario galego está en “alerta vermella”, di. “As inmobiliarias xa non publicamos anuncios de vivendas, e se o facemos tardamos 30 minutos en quitalo, porque hai listas de agarda previas; co anuncio, en media hora, temos máis de 100 solicitudes”, asegura.
Desde a plataforma galega Vivenda Xa, unha das súas voceiras, Iria Nande, explica que as ringleiras diante das inmobiliarias son “un panorama dantesco”, con “prezos desorbitados por pisos nun estado deplorábel”. Nande cre que a situación actual dos alugueres, “non só en Compostela, senón tamén na Coruña e en Vigo”, evidencia que “non existen políticas públicas que dean un servizo digno de vivendas ao estudantado en pleno século XXI”.

