Camiñamos cara a unha nova onda de proteccionismo? Que consecuencias pode ter unha guerra comercial para a economía galega?
As tensións comerciais derivadas da chegada de Donald Trump ao Goberno dos Estados Unidos están xerando unha situación de incerteza a nivel global. Neste sentido, as dúas principais economías mundiais, os EUA e a China, están inmersas nunha guerra comercial. Así, despois de que esta semana entrasen en vigor os aranceis de 10% ás importacións desde o Estado asiático ao norteamericano, o Executivo chinés resolveu responder cunhas taxas de entre 10% e 15% a produtos estadounidenses como o petróleo, o carbón, o gas licuado, a maquinaria ou os automóbiles de gran cilindrada.
Todo isto nun contexto no que o novo inquilino da Casa Branca tamén reiterou esta semana que imporá gravames aos produtos da Unión Europea, mentres que Bruxelas apostou por negociar para evitar un potencial conflito comercial. Esta mesma quinta feira, Piero Cipollone, membro da executiva do Banco Central Europeo (BCE), advertiu do potencial impacto “moi prexudicial” que podería ter o conflito na zona euro. "O que máis me preocupa é se Trump se involucra nunha guerra comercial total coa China, unha ameaza máis seria, porque a China ten 35% da capacidade manufactureira do mundo", dixo. Sobre os potenciais aranceis estadounidenses contra o mercado comunitario, sinalou que as empresas “poderían absorber parte dos custos máis altos” sacrificando marxe de ganancia, mentres que o enfraquecemento do euro fronte ao dólar tamén “protexería” a área monetaria.
Desde o punto de vista das vendas galegas, o mercado estadounidense ten unha importancia relativa, pois son até 10 os estados do mundo aos que chega un maior número de exportacións desde Galiza. É moito maior a cifra de importacións galegas, que supón practicamente o dobre da dos produtos e servizos xerados no país que se comercializan nos Estados Unidos. A este respecto, son dous os principais riscos que enfronta a economía galega ante a política de Trump. O primeiro sería unha eventual situación de aranceis cruzados entre os EUA e a UE, o que implicaría o encarecemento de determinados produtos de forma directa ou indirecta. O segundo é o relativo á posíbel onda proteccionista xeneralizada a nivel global.

Alejandro López, analista e director de Descifrando la guerra, sinala a este xornal que "a nova onda arancelaria no mundo que vai desatar o novo Goberno de Trump terá consecuencias serias a nivel económico". Con todo, matiza, "polo de agora o que estamos vendo é unha intención máis política, de ameazar con aranceis para conseguir outros obxectivos e, sobre todo, de intentar atraer a industria e as cadeas de subministracións cara aos EUA". Con esta estratexia "busca facer menos competitiva a deslocalización das empresas cara a estados veciños e competir coa China". "Neste contexto, existen dúas opcións", sinala. A primeira sería "a dos estados que van seguir as demandas de Trump, que vendo o que di a UE ben poderían ser algúns dos socios comunitarios, os cales apostarían por investir máis en defensa ou seguir calquera das exixencias dos EUA e a cambio manter unha relación comercial algo menos beneficiosa, mais mantela". A outra "é a da confrontación e a guerra comercial, que é a que se pode esperar de estados máis autónomos e soberanos ou decididos a rivalizar cos EUA". Iso, "de seguro, si que desataría un incremento arancelario por todas partes nesas rexións afectadas".
A profesora do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago Rosa Regueiro apunta que "o contexto actual, desde o punto de vista comercial, pode ser problemático e provocar situacións de acción-reacción". O novo Executivo dos EUA, acrecenta, coa intención de protexer a súa industria, "pon sobre a mesa a posibilidade de realizar a golpe de decreto incrementos de aranceis". O problema de todo isto, afirma, "é que pode derivar nun proceso inflacionista e, obviamente, o que vai facer é afectar as exportacións, podendo provocar un freo na demanda, co consecuente impacto sobre o fluxo circular da renda".
"Se non vendemos máis, para que se necesita producir e contratar? Algo que pode implicar empobrecemento e freo do avance económico. As economías, debido á famosa globalización, son moi dependentes unhas das outras, non hai ningunha que sexa autosuficiente. O estabelecemento destes aranceis, que ao final funcionan como impostos, pode ter estes efectos negativos", engade.
Conservas e viños
"Unha cousa é impor aranceis a determinados produtos nun momento concreto porque nos interesa protexer un sector ou porque estamos nunha situación de guerra de prezos, mais non semella que ese sexa o motivo nin o escenario actual", destaca. Na Galiza "xa saíron as primeiras manifestacións ao respecto, sobre todo do sector da conserva ou do viño, que teñen unha presenza importante no mercado dos EUA". Non obstante, engade, "son empresas que teñen un mercado diversificado" e nos que o viño é "un produto de luxo, polo que as persoas usuarias non se verían tan afectadas polo potencial incremento dos prezos".
Mercado común: o comercio galego está concentrado na Unión Europea
Segundo Gonzalo Rodríguez, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, en declaracións a Nós Diario, "é necesario tomar as cousas con calma e ver cal é o significado real de cada unha das decisións". No caso de Trump, sinala, "xa temos bastante comprobado que unha cousa é o que di e outra cousa é o que fai". Por isto, explica, "non é bo reaccionar demasiado ás présas, porque non estamos seguros do que quere". Alén diso, acrecenta, "máis de 70% do mercado galego está na UE".
Neocolonialismo
As exportacións galegas concéntranse no plano comunitario, "onde non hai aranceis nin vai haber", engade Rodríguez. Ademais, destaca, "as nosas exportacións fóra da UE fóronse reducindo e houbo unha desviación cara ao interior da alianza europea, o que fai que sexamos moi dependentes do que ocorre en Europa". Con todo, matiza, "isto non quere dicir que o resto das exportacións non sexan relevantes, mais o dos EUA non é un mercado principal para Galiza". Este contexto, afirma, "semella que vai supor un freo á globalización e que hai un proceso de neocolonialismo por detrás". Ademais, conclúe, "é probábel que haxa unha certa onda proteccionista, que veremos até onde chega, porque os sectores produtivos precisan subministracións de fóra".


