ECONOMÍA

Caballero apunta á Xustiza para que resolva o conflito sobre Ence na ría pontevedresa

Caballero apunta á Xustiza para que resolva o conflito sobre Ence na ría pontevedresa

O secretario xeral do PSdeG, que esta quinta feira mantivo unha reunión coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, considera que deben ser “os tribunais” os que aclaren até cando ten vixencia a concesión dos terreos da celulosa en Lourizán. O Goberno do Estado aposta nunha mesa de diálogo mentres que o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, considera que esa non é unha solución.

Gonzalo Caballero coa ministra Teresa Ribera. (Foto: PSdeG)
photo_camera Gonzalo Caballero coa ministra Teresa Ribera. (Foto: PSdeG)

Nun contexto de tensión entre todas as partes implicadas no futuro de Ence, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballeiro, tamén deu hoxe a súa opinión sobre este conflito sobre a permanencia da celulosa na ría de Pontevedra.

Para o socialista -que estivo en Madrid para unha xuntanza coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera- na realidade, e por máis disputas que haxa, van ser “os tribunais” os que aclaren “até cando é válida” a concesión da planta de Ence.

Neste sentido lembrou que, malia o intento de negociacións por algunhas bandas, o asunto está “xudicializado”. Chegou a ese proceso, na súa opinión, pola “prórroga mal feita por parte do Partido Popular”. Esta última formación política está sendo unha das grandes protagonistas desde que creceu o malestar e o enfrontamento en Pontevedra.

“Se os tribunais conceden unha prórroga durante un tempo longo, ese será o espazo de duración que terá a empresa”, remarcou Caballero.

Ademais, subliñou que, “desde logo, até o ano 2033 hai un plan no que se pode traballar para buscar vías que posibiliten que haxa futuro desa actividade industrial na Galiza máis alá” desas datas.

En calquera caso, e despois desa reunión coa ministra, afirmou que o Goberno do Estado español vai intentar pór en marcha unha mesa de negociación -tal e como propoñía hai uns días o BNG batendo coa negativa do PP- na que deben estar “todas as administracións, a empresa, o comité e os traballadores”.

Críticas de Fernández Lores

A este respecto manifestouse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que dixo que participará "por cortesía" pero que non pensa que a participación do concello sexa "imprescindíbel".

De feito, non ve onde está a solución neste método. "Cando se quere resolver un problema, noméase un responsábel, e cando se quere atrasar o tema, créase unha comisión, e cando máis grande e máis diversa moito mellor", reprochou. Ao seu modo de ver "o que hai que facer é tomar decisións, coller o toro polos cornos".

O cadro de persoal, dixo en todo caso Caballero, van ter o seu compromiso para que a celulosa continúe nun futuro, mais “fóra da situación actual unha vez que finalicen todas as prórrogas da concesión existentes”. Aliás, falou dos tempos extra facilitados ás conserveiras, polas que vai seguir mirando.

 

comentarios