Pontevedra declara "persoa non grata" o conselleiro delegado de Ence malia a oposición do PP

O Concello anunciou xa hai uns días que tiña previsto tomar esta decisión. Xa en 2016 cualificou a Mariano Raxoi da mesma forma por aumentar a concesión da polémica factoría outros 60 anos. O BNG acusou a Ignacio de Colmenares de "dirixir e permitir" o asalto dun pequeno grupo de traballadores á Casa Consistorial, episodio polo que o alcalde dixo sentir medo pola súa integridade.
O presidente de Ence xa é persoa non grata en Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Ence xa é persoa non grata en Pontevedra. (Foto: Europa Press)

O pleno da cidade de Pontevedra conseguiu facer posíbel o anuncio que xa fixera hai uns días: declarar "persoa non grata" ao conselleiro delegado e presidente da celulosa Ence, Ignacio Colmenares y Brunet. A decisión tomouse malia os votos en contra do grupo municipal do Partido Popular e o concelleiro Goyo Revenga (ex de Ciudadanos e agora edil non adscrito).

Foron o BNG e o PSdeG os que sacaron adiante a proposta, despois de considerar que Colmenares auspiciou a entrada dun grupo de traballadores no Consistorio hai uns días. Estes intentaron agredir ao rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, que afirmou que sentira "medo" pola súa integridade.

No decorrer da sesión, o edil nacionalista César Mosquera apuntou ao conselleiro delegado como "director" do "escrache violento" sufrido polo rexedor e varios membros do seu goberno municipal o pasado 11 de marzo. Así destacou que houbo un "risco real", dando a entender que o temor de Lores foi xustificado.

Mosquera cualificou a acción como "Ence borroka" e lamentou que se pasaran "todas as liñas vermellas" ao ter que saír os representantes municipais escoltados pola Policía Local. A maiores, o representante do Bloque comentou que Colmenares mandou unha carta ao alcalde amosando o seu desacordo co título de "persoa non grata por un vídeo sacado de contexto".

No documento audiovisual ao que se referiu, o responsábel de Ence advertía que a factoría situada en Lourizán podería dar "un susto maiúsculo ambiental en calquera momento, que pode afectar, ademais, ás persoas" pola falta de investimentos.

Na súa quenda de palabra, o tenente de alcalde e concelleiro do PSdeG Tino Fernández criticou que a compañía elixise "recrudecer a súa estratexia para influír na opinión pública contando coa conivencia do PP, que asume as teses da empresa como dogmas de fe". Tamén foi moi crítico co papel do sindicato Comisións Obreiras.

O Partido Popular tamén foi acusado do asalto deste mes, pero o seu portavoz en Pontevedra, Rafa Domínguez, aproveitou o pleno para desvincularse do sucedido, que dixo ver como "inaceptábel". Mesmo afeou que se culpase aos populares de instigar os incidentes "sen probas". En calquera caso, o voto foi contrario a que Colmenares seguira a mesma sorte que Mariano Raxoi, que xa fora declarado "persoa non grata" en 2016, após ampliar a concesión de Ence na ría.

No pleno tamén saíu adiante outra moción do goberno local instando á empresa Ence, á Xunta e ao Estado a "traballar de maneira conxunta para o traslado da factoría da ría, única forma de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo".

Comentarios