Bruxelas sitúa o crecemento da economía estatal en 1,4%

A Comisión Europea asegura que a UE esquivou a recesión.
O símbolo do euro diante da sede do Banco Central Europeo, en Frankfurt, Alemaña. (Foto: Europa Press)
photo_camera O símbolo do euro diante da sede do Banco Central Europeo, en Frankfurt, Alemaña. (Foto: Europa Press)

A Comisión Europea calcula que a economía do Estado español medrará 1,4% en 2023, catro décimas por riba do 1% que auguraba no prognóstico do outono, mentres que a previsión de crecemento repunta até 2% para 2024.

En comparación coas previsións de novembro, o crecemento para 2022 foi superior nun punto porcentual, situándose en 5,5%.

Da mesma maneira, reduce a previsión da inflación española até 4,4% para o presente exercicio, catro décimas por baixo do descenso que Bruxelas auguraba en novembro para 2023, mentres que a cifra mantén unha previsión de redución de 2,3% para 2024.

Porén, a variación da inflación galega a finais de 2022 situábase 0,7 puntos por baixo da do Estado español. Así, cabería agardar que o crecemento prognosticado por Bruxelas para España non se consiga na Galiza.

Este dato sitúase, ademais, por baixo do prognóstico comunitario de inflación, que se prevé que descenda até 6,4% en toda a Unión Europea para 2023 (fronte á anterior previsión de 7%) e até 2,8% en 2024, tamén dúas décimas por baixo das previsións de novembro. 

A UE esquiva 'por pouco' a recesión económica

As previsións de inverno da Comisión Europea evidenciaron hoxe que a Unión Europea (UE) salvou "por pouco" a recesión económica que auguraba o prognóstico do outono ao evitar a contracción do cuarto trimestre e logrando unha taxa de crecemento anual en 2022 de 3,5% tanto na UE como na zona do euro, e deixando atrás un pico de inflación de 9,2%.

Non obstante, o Executivo comunitario advertiu que a economía da UE aínda ten retos por diante, como inflación subxacente, que seguiu aumentando en xaneiro, ao tempo que consumidores e empresas aínda teñen que facer fronte aos elevados custos da enerxía. 
 

Comentarios