O BCE sobe os tipos de interese en 0,25 puntos e xa chega a 3,75%

Nova suba dos tipos de interese do Banco Central Europeo e xornada negra nos pequenos bancos dos Estados Unidos de América (EUA). 
A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto:  Josefine Stenersen / European Coun / Dpa).
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde (Foto: Josefine Stenersen / European Coun / Dpa).

Subir os tipos de interese oficiais na eurozona outros 0,25 puntos, até o 3,75%, foi a decisión que anunciou onte o  Banco Central Europeo (BCE).

O consello de goberno da institución aumentou o 'prezo' oficial do diñeiro por sétima vez consecutiva desde a súa reunión de xullo do ano pasado, e o Euribor (o índice respecto ao que se calculan as hipotecas) ameaza con alcanzar o 4%, xa que este non será o último incremento, segundo asegurou a propia presidenta do organismo, Christine Lagarde

A serie de incrementos dos tipos de interese para loitar contra a inflación é a máis agresiva da historia do BCE. En total, 3,75 puntos porcentuais desde o 0% no que se encontraban hai menos dun ano.

A idea é endurecer as condicións de financiamento para moderar así as subas de prezos, aínda que sexa destruíndo o consumo e afectando as empresas. 

Pequenos bancos dos EUA

Onte foi unha xornada negra para os pequenos bancos do EUA.

As accións de PacWest Bancorp afundíronse máis de 50% na sesión de Wall Street despois de que a entidade confirmase "opcións estratéxicas" para o seu futuro.

Outros pequenos bancos americanos tamén caeron con forza. Por exemplo, Western Alliance, que baixou un 18%, e Comerica, nun 7%.

Comentarios