As proxeccións apuntan a unha suba de 0,75% dos tipos de xuro en maio

O endurecemento monetario divide o Consello de Goberno do BCE.
O vicepresidente do BCE, Luis de Guindos, esta sexta feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O vicepresidente do BCE, Luis de Guindos, esta sexta feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O vicepresidente do Banco Central Europeo (BCE), Luis de Guindos, expresou esta sexta feira a súa confianza en que a inflación, tanto xeral como en taxa subxacente, "van baixar".

Porén, de Guindos advertiu de que a institución non pode permitirse un rebote dos prezos dentro duns meses porque isto "afectaría a credibilidade" do banco central que rexe a política monetaria da zona euro.

Así, o ex ministro español de Economía defendeu que o instituto emisor da zona euro manterá durante uns meses a aproximación actual reunión a reunión ou "partido a partido", en función dos datos recibidos, até que se clarifique cal será a evolución da inflación e cal é o efecto das medidas adoptadas.

"Se hai alguén que di que sabe cal será o tipo terminal, eu non lle faría moito caso porque será que ten unha posición preconcibida. Eu teño unha posición moito máis aberta", apuntou de Guindos.

Así o fixo despois de que algúns membros do Consello de Goberno do BCE expresasen publicamente na últimas xornadas o seu apoio a máis subas de tipos nas próximas reunións.

Expectactivas de endurecemento da política monetaria

Nunha entrevista con The Irish Times, o gobernador do Banco dos Países Baixos, Klaas Knot, considerado un dos principais representantes da corrente máis dura ou "falcóns" do Consello de Goberno do BCE, mostrábase partidario de que os tipos de xuro suban nas reunións de maio, xuño e xullo se a inflación subxacente non dá mostras de afrouxar a súa presión.

"É demasiado cedo para falar dunha pausa", afirmaba Knot, admitindo "non sentirse incómodo" coas proxeccións do mercado que apuntan a unha alza adicional de 0,75% no prezo do diñeiro. Unha expectativa que se poderá corroborar o próximo 4 de maio, cando o Consello de Goberno do BCE ten previsto reunirse de novo.

Comentarios