domingo 27/09/20

A batalla polo futuro do aluminio é política

Ninguén cuestiona na factoría de Alcoa de San Cibrao (Cervo) que a solución á súa situación pasa pola política. As propias demandas dos traballadores e traballadoras van dirixidas a conseguir un compromiso da Xunta e do Goberno estatal coas súas reivindicacións. O cadro de persoal anuncia máis presión de cara ás eleccións.
Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).
Reunión da Deputación Permanente (Parlamento).

O conflito de Alcoa vivíase onte en tres escenarios. A un lado, a representación sindical mantiña unha xuntanza en Lugo coa dirección da multinacional, no contexto da fase de consultas abertas após o anuncio do despedimento de 534 persoas na planta de aluminio e de máis de 300 nas súas empresas auxiliares. Por outra banda, o cadro de persoal e a veciñanza da Mariña realizaban novas protestas en Xove, coa perspectiva posta na mobilización prevista para o vindeiro domingo en Viveiro. Ao tempo, o Parlamento da Galiza acollía unha sesión da Deputación Permanente, coa ausencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para debater sobre o futuro da factoría.

O PP culpa o Goberno do Estado

A Xunta da Galiza mantívose na liña dos últimos días. O conselleiro de Industria, Francisco Conde, limitouse a responsabilizar o Executivo de Pedro Sánchez da situación criada, pola negativa a apoiar un estatuto para a industria electrointensiva que rebaixe o prezo da factura enerxética. Asemade, eludiu calquera compromiso do Goberno galego para atopar unha solución ao problema, argumentando a falla de competencias na materia da Administración galega. Nunha dirección semellante, o secretario xeral do Partido Popular da Galiza, Miguel Tellado, centrou a súa intervención en culpar a oposición da situación vivida en San Cibrao (Cervo).

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, Gonzalo Caballero, comezou criticando a ausencia do presidente galego na sesión da Deputación Permanente, denunciando "un omnipresente Feixoo nos medios de comunicación públicos, pero ausente á hora de dar explicacións, vir debater ao Parlamento e dar resposta aos problemas deste país". Caballero remarcou o compromiso da súa formación desde o Executivo do Estado coa continuidade da actividade no complexo alumineiro da Mariña e lamentou a falla de política industrial da Xunta da Galiza.

A portavoz de grupo En Común da Esquerda e candidata de Galicia en Común pola circunscrición da Coruña para os vindeiros comicios, Luca Chao, puxo en valor o compromiso de Unidas Podemos cos traballadores e traballadoras de Alcoa, criticou duramente o papel da multinacional e destacou as axudas achegadas desde o Goberno estatal á compañía estadounidense. "Urxe defender o tecido industrial deste país e garantir os postos de emprego. 

Que se cumpran os compromisos e que se aposte polo futuro do noso país", concluíu Chao, quen tamén criticou a ausencia de Feixoo.

Ana Pontón defende a nacionalización

A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón, defendeu a intervención pública do Estado e da Xunta para nacionalizar a factoría e insistiu na posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega. "Con ambas as medidas, podemos salvar a produción e os postos de traballo, só fai falla vontade política e amor por este país. O BNG ten as dúas cousas, Galiza merece moito máis que o cinismo político do PP", concluíu Pontón, que afeou a populares e socialistas manter unha liorta partidista a conta da situación da empresa.

O portavoz de En Marea, David Rodríguez, explicou as súas "propostas para a supervivencia dos postos de traballo" en Alcoa, e instou a pór en marcha un plano de activación industrial da comarca da Mariña. "Non podemos permitir que Alcoa feche condenando toda a Mariña a un escenario social e económico demoledor", afirmou Rodríguez, antes de sinalar que "estamos falando de salvar miles de empregos, de evitar a posíbel ruína dunha comarca, mentres Feixoo segue de campaña na Televisión da Galiza".

Os representantes sindicais de Alcoa mantivéronse atentos ao debate mentres permaneceron reunidos coa dirección da multinacional en Lugo. Segundo manifestou o presidente do comité de empresa José Antonio Zan, na xuntanza "vivimos unha situación bastante desagradábel xa que a empresa amosou a súa nula vontade de diálogo e estanos utilizando de malas maneiras". Asemade, indicou que solicitaron "á empresa que retiren as medidas e que agarde a reunión da terza feira da comisión multilateral, que é onde se deben resolver os problemas".

"O ministerio e a Xunta teñen que obrigar a empresa a que leve a fábrica ao mellor porto, e en todo caso, garantir o seu funcionamento mantendo a totalidade do emprego e da produción", destacou Zan, quen instou os Gobernos galego e estatal "a traballar por conseguir un marco eléctrico estábel e competitivo", na liña do defendido nos últimos tempos.

Mobilizacións

Será unha fin de semana de mobilizacións intensas na Mariña. O sábado unha manifestación percorrerá as rúas de Xove, convocada pola asociación de comerciantes da localidade, e o domingo a mobilización trasladarase a Viveiro, onde se agarda unha marcha histórica, con presenza da veciñanza de toda a comarca. 

comentarios