Os beneficios de Amancio Ortega medraron 33% en 2021

O fundador de Inditex percibe do ano fiscal que vén de fechar 1.718 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía.
O empresario Amancio Ortega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).
photo_camera O fundador de Inditex, Amancio Ortega, aumentou en 2021 os seus beneficios (Foto: Europa Press).

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este ano 1.718 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, por riba dos 1.294 millóns que percibiu por este concepto en 2020 —un aumento de 32,77%—, segundo recolle a axencia Europa Press.

En total, a compañía retribuirá este ano ás e os seus accionistas con 2.898 millóns de euros, tras elevar en perto de 33% o dividendo. En concreto, o Consello de Administración proporá á Xunta de Accionistas un dividendo de 0,93 euros por acción, composto por un dividendo ordinario de 0,63 euros e outro extraordinario de 0,30 euros por acción.

Este dividendo distribuirase en dous pagamentos iguais: 0,465 euros o 2 de maio de 2022 e 0,465 euros o 2 de novembro de 2022. Adicionalmente, o Consello acordou estabelecer un dividendo extraordinario de 0,40 euros por acción para o exercicio 2022, que se sumará ao dividendo ordinario para ser distribuído ao longo do ano 2023.

Inditex tivo uns beneficios 193% superiores aos de 2020

Inditex rexistrou un beneficio neto de 3.243 millóns de euros no seu ano fiscal 2021-2022 (do 1 de febreiro de 2021 ao 31 de xaneiro de 2022), o que supón un incremento de 193% a respecto do exercicio anterior, á vez que a vendas medraron 35,8% até os 27.716 millóns de euros.

A tipo de cambio constante, estes ingresos superan en 3% os de 2019 (-2% desde o punto de vista contábel), segundo anunciou esta cuarta feira a compañía.

O seu presidente, Pablo Isla, destacou que, tras dous anos de pandemia, estes resultados demostran a "gran capacidade de adaptación a calquera circunstancia que caracteriza todas as persoas que integran esta compañía a través do compromiso e o talento".

Cómpre lembrar que o vindeiro 1 de abril asumirá a presidencia de Inditex Marta Ortega. Aliás, Óscar García Maceiras ostenta desde o pasado novembro o cargo de conselleiro delegado.

Comentarios