Amancio Ortega insiste no negocio enerxético após o fracaso de Unión Fenosa

O fundador de Inditex participa en Enagás, Rede Eléctrica e nun proxecto eólico con Repsol
Amancio Ortega retomou en 2019 a súa aposta polo sector enerxético após o infrutuoso intento de 2005 con Unión Fenosa (Foto: Europa Press).
photo_camera Amancio Ortega retomou en 2019 a súa aposta polo sector enerxético após o infrutuoso intento de 2005 con Unión Fenosa. (Foto: Europa Press)

O mes de marzo de 2005 é difícil de esquecer para Amancio Ortega. Por aquel entón, o fundador de Inditex, da man da construtora San José, presidida por Jacinto Rey, e a extinta Caixanova, intentara recuperar para Galiza o mando de Unión Fenosa, a principal eléctrica do país.

O Banco Santander (daquela Santander Central Hispano) puxera á venda a súa participación na compañía, dun 22%. Os investidores galegos ofreceran 30 euros por acción, pero ACS, a construtora presidida por Florentino Pérez, coa que ninguén contaba, adiantoulles pola dereita e fechou coa entidade presidida por Emilio Botín a venda do seu paquete accionarial a un prezo de 32 euros por título. 

A operación rematou mal para Ortega, que non só deixou pasar a oportunidade de recuperar parte da galeguidade da eléctrica, senón que nas negociacións tamén perdeu ao que até entón era a súa man dereita: José María Castellano.

Anos máis tarde, en 2008, o empresario de Busdongo (León) tería ocasión de quitar a espiña da frustrada operación, pois ACS, que ampliara a súa participación na eléctrica até 45%, poñía a venda o seu paquete accionarial, que se sumaría ao 10% que controlaban daquela as entidades financeiras galegas ─algo menos de 2% Banco Pastor; algo máis de 3% Caixa Galicia, e tamén por riba de 5% Caixanova─.

Porén, o fundador de Inditex decidiu deixar pasar a ocasión e centrar os seus investimentos noutros sectores. 

Volta ás andadas 

Pontegadea, a sociedade que canaliza os investimentos patrimoniais do empresario, tiña entón unha carteira ben diversificada, con importantes participacións no sector financeiro e enerxético español, máis tamén unha crecente carteira de inmóbeis que hoxe en día o converten no caseiro de moitas das grandes firmas mundiais

En 2019, Amancio Ortega volveu recuperar o interese polo sector enerxético. Primeiro tomou posicións en Enagás. Pagou algo máis de 281 millóns de euros polo 5% da xestora do sistema gasista español e rival de Reganosa, igualando a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) como primeiro accionista.

O seguinte paso foi tomar o control das redes de distribución de enerxía eléctrica da Península Ibérica. Así, o pasado verán adquiriu unha participación de 5% en Rede Eléctrica de España (REE). Neste caso, após desembolsar 456 millón de euros, Ortega converteuse no primeiro accionista privado da operadora e no segundo por detrás da SEPI, que posúe 20% da compañía.

Despois foi a quenda de Redes Enerxéticas Nacionais (REN), operador da rede eléctrica de Portugal, na que o empresario posúe 12% do capital, valorado entón en 190 millóns de euros.

Alianza con Repsol

O último movemento no sector enerxético, aínda que non parece que vaia ser o derradeiro, foi a compra a Repsol anunciada esta semana do 49% do parque eólico Delta, en Aragón, por 245 millóns de euros. 

O parque eólico está próximo a un dos grandes centros loxísticos de Inditex, como tamén o están os eólicos que prevé levantar no porto exterior da Coruña.

Comentarios