luns 25.05.2020

Alvedro e Peinador xa suman máis voos que Rosalía de Castro

Os aeroportos galegos moveron o pasado mes de abril un total de 1.691 pasaxeiras, o que supón unha caída histórica de 99% como consecuencia das restricións impostas pola pandemia da COVID-19. 
Aeroporto de Compostela-Rosalía de Castro (Arxina).
Aeroporto de Compostela-Rosalía de Castro (Arxina).

O mes de abril foi histórico para os aeroportos galegos, pero non para ben. Todos eles caeron máis de 99% en tráfico de pasaxeiros como consecuencia das restricións impostas pola COVID-19. Entre as tres terminais non suman nin 2.000 viaxeiras transportadas, segundo os datos publicados esta cuarta feira por Aena. 

Pero, ademais, produciuse outro fito histórico. Por primeira vez en moitos meses, a suma de pasaxeiras das terminais de Alvedro (A Coruña) e Peinador (Vigo) supera as do nomeado aeroporto Rosalía de Castro de Compostela. 

As 560 viaxeiras transportadas desde a terminal coruñesa, sumadas ás 302 das de Vigo, superan as 829 que pasaron pola terminal compostelá o pasado mes.

Novo escenario

A situación pode agudizarse aínda máis en maio. En abril, os aeroportos da Coruña e de Vigo permaneceron fechados, operando só baixo demanda. Co inicio do desconfinamento, Iberia programou tres frecuencias semanais en cada unha destas terminais en días alternos, mentres que o Rosalía de Castro, o maior aeroporto da Galiza, quedará sen voos de liña regular.

Isto provocará que o aeródromo de Compostela deixe de ser o de maior tráfico despois de varias décadas de liderado indiscutíbel.  O feche do mercado internacional, un dos seus puntos fortes, e o duro golpe recibido polo sector turístico pásanlle factura a unha terminal moi dependente destes mercados. Pola contra, as de Vigo e A Coruña teñen un perfil máis de negocios, dado que boa parte das grandes empresas da Galiza, con Inditex e PSA á cabeza, están instaladas nas súas respectivas áreas de influencia.

O futuro, no aire

O futuro é incerto para o sector aeronáutico. As aeroliñas tentan sobrevivir, contando en moitos casos con axudas dos Estados, que saen ao seu rescate. Está por ver cando poderán volver operar sen restricións, e tamén se sobrevivirá o modelo de subvencións por parte dos concellos ás compañías, que tantas polémicas suscitaron entre cidades polas distorsións neste mercado.

comentarios