Altri solicita captar auga do Ulla para a produción de fibras téxtiles

A firma lusa podería extraer miles de millóns de litros de auga do río Ulla cada ano.
O director executivo de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta).
photo_camera O director executivo de Altri, José Soares de Pina (Foto: Xunta).

A empresa Altri remitiu unha solicitude á Xunta para a concesión dunha captación de auga do río Ulla no termo municipal de Agolada, na comarca do Deza, orientada a abastecer a fábrica de fibras téxtiles que a firma lusa proxecta no concello de Palas de Rei, na comarca da Ulloa. 

Altri pide a captación de augas superficiais cun caudal de 535 litros por segundo procedentes do encoro de Portodemouros. Isto significa que a empresa podería extraer do Ulla unha cantidade de auga próxima aos 17.000 millóns de litros de auga ao ano.

A petición da compañía lusa, ligada ao desenvolvemento do seu proxecto industrial en Palas de Rei pendente de concretarse, motivou a apertura deste procedemento por parte de Augas da Galiza -ente dependente da Xunta-, ao que obriga a lei.

Unha vez fechado o prazo de presentación, os proxectos deberán ser avaliados. Segundo resaltou a Administración galega, quedarán excluídos aqueles que "contraveñan o estabelecido" no Plan Hidrolóxico Galiza-Costa, que rexe sobre o río Ulla.

Os que superen este corte deberán ser sometidos ao procedemento de avaliación ambiental e ao proceso de información pública. Ademais, os organismos e Concellos afectados tamén deberán emitir os informes perceptivos.

Risco ambiental

Un dos motivos que levou a Altri a escoller Palas de Rei foi a posibilidade de aproveitar o caudal do río Ulla ─a segunda conca máis extensa do país─ para obter a cantidade de auga que precisa.

Tal e como explicou a Nós Diario o catedrático de Botánica Santiago Ortiz, a empresa portuguesa "non pode xustificar que coller auga a mancheas non teña impactos no medio e que o risco de verteduras sexa cero".  

Para Ortiz, isto "podería ter un efecto similar ao que tivo a planta de Ence nos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra". Ao respecto, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, advertiu que "unha presión máis sobre a ría é moi perigosa", e máis na "delicada" situación na que se atopa a de Arousa, cunha caída da produción por riba de 50% en determinadas especies.

Comentarios