Alcoa e Ignis trasladan ao comité o seu plan de rearranque: as empresas queren pospoñer o investimento no forno de cocción
Alcoa e Ignis trasladaron o seu plan de rearranque da fábrica de San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), ao comité de empresa, que queda así á espera da reunión de seguimento coas Administracións, que terá lugar o vindeiro 9 de decembro.
Esta segunda feira, segundo informou o comité de empresa, Alcoa e Ignis expuxeron varios temas, un deles a "formulación de como afrontar" as necesidades de caixa, "que sería cunha achega inicial de diñeiro propio, acceso ao fondo de garantías e pospoñendo o investimento do forno de cocción a polo menos 2028".
Este e o resto de puntos para o plan de rearranque proposto "están supeditados ao que teñan que dicir os Ministerios de Industria e Transición, competentes nas reclamacións enerxéticas, e a Xunta da Galiza, competente na autorización do DBR [a balsa de lodos]", segundo destacou o comité de Alcoa.
En primeiro lugar, indicou, o conselleiro delegado de Ignis explicou "que é unha empresa de nova creación con nove anos de vida e 14.000 megawatts en desenvolvemento". "Compraron en concurso de acredores varias plantas de coxeración con problemas económicos conseguindo reflotalas. Outra de ciclo combinado en Zaragoza co mesmo sistema. Continuando despois coas renovábeis", engadiu a representación do persoal.
Así mesmo, o comité de empresa apuntou que o conselleiro delegado da potencial socia da multinacional afirmou que "son capaces de asinar os mellores contratos de PPA –contratos de compravenda de electricidade a longo prazo cun prezo fixo– achegando a súa experiencia na posíbel asociación con Alcoa".
Plan eléctrico proposto e apoio estatal á industria
Alcoa e Ignis, segundo o comunicado, explicaron "o plan eléctrico proposto" e indicaron que as diferenzas de CO2 entre os Estados español, francés e alemán "son moi grandes". O comité de empresa tamén resaltou que, segundo as compañías, estes Estados "apoian moito máis a industria" que o español.
Fixeron, tamén, unha presentación "de futuríbeis de fluxo de caixa 2025-2028, lembrando que son datos extremadamente sensíbeis que non se poden compartir". Neste escenario, o comité de Alcoa dixo quedar á espera e destacou que seguirá informando tras a reunión de seguimento do plan de viabilidade da próxima segunda feira.
