O BCE aplica a maior suba de tipos de xuro da historia da zona euro

Os prezos rexistraron no mes de xullo unha inflación de 8,9%.
Sede do BCE na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede do BCE na cidade alemá de Frankfurt. (Foto: Europa Press)

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu elevar os tipos de interese en 75 puntos básicos, de forma que o tipo de interese para as súas operacións de refinanciamento ficará en 1,25%, mentres que a taxa de depósito alcanzará 0,75% e a de facilidade de préstamo, 1,5%.

Desta forma, o prezo do diñeiro situouse no seu nivel máis elevado desde 2011, cando o BCE iniciou unha senda de estímulos a nivel monetario que durou máis dunha década e que levou a situar os tipos de interese en terreo negativo. Aliás, trátase da primeira vez en toda a historia do BCE que se acomete unha suba tan elevada do prezo dos cartos. A última vez que se aplicou un incremento similar foi en 1999, como parte do proceso de transición cara á adopción do euro.

"De acordo coa valoración actual, durante as seguintes reunións o Consello de Goberno espera subir os tipos de interese máis para suavizar a demanda e como protección contra o risco dun incremento persistente das expectativas de inflación", alertou o organismo.

A autoridade monetaria adoptou esta decisión nesta quinta feira e prevé seguir subindo os tipos, "porque a inflación segue demasiado alta e probabelmente estea por riba do obxectivo por un período estendido". Debido a que o prezo do diñeiro abandonou as taxas negativas, a autoridade monetaria optou por deixar tamén o sistema de remuneración dobre para o exceso de reservas que viña aplicando até o de agora ás reservas dos bancos.

O BCE lembrou que, en todo caso, seguiranse reinvestindo os principais da débeda vencida que fose comprada ao amparo do programa de compras contra a pandemia (PEPP, polas súas siglas en inglés) até finais de 2024. Do seu lado, as compras do programa de activos públicos (APP, en inglés) manteranse durante un período de tempo "estendido" desde que o BCE empezou a subir tipos, o pasado xullo.

O organismo subliñou que os vencementos do PEPP están a reinvestirse de forma "flexíbel" para contrarrestar os riscos do mecanismo de transmisión de política monetaria en relación á pandemia.

Inflación desbocada

O produto interior bruto (PIB) da zona euro rexistrou un incremento intertrimestral de 0,8% no segundo trimestre de 2022, unha décima máis que nos tres meses anteriores, de acordo cos últimos datos publicados por Eurostat, a oficina de estatística comunitaria.

Por outra parte, os prezos rexistraron no mes de xullo unha inflación de 8,9%, tres décimas máis que no mes anterior, debido ao incremento dos prezos da enerxía e dos alimentos, marcando a súa máxima desde que hai rexistros históricos.

Comentarios