Raquel Souto é mariscadora

Raquel Souto: "Cando cheguei de patroa maior a Cabo de Cruz case había máis furtivos que mariscadoras"

A asociación Mulleres do Mar de Arousa creou este ano, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, o Premio Muller Salgada co que queren homenaxear as mulleres que achegan traballo, esforzo, experiencia ou coñecementos ao sector. Esta primeira edición recaeu en Raquel Souto Miguéns, patroa maior da confraría de Cabo de Cruz entre 2014 e 2018, unha das escasas mulleres que practican o marisqueo á boia, unha modalidade maioritariamente masculina.  
A homenaxeada este ano pola asociación Mulleres do Mar de Arousa, Raquel Souto (Nós Diario)
photo_camera A homenaxeada este ano pola asociación Mulleres do Mar de Arousa, Raquel Souto (Foto: Nós Diario)

Sempre quixo dedicarse ao mar?

Miña nai e meu pai mariscaban e sempre me gustou o mar, desde pequena. Cando tiñamos as vacacións de verán no colexio, axudabamos na praia ou chegábamos á embarcación a nado e probabamos. Chamoume sempre a atención. 

Como definiría esta profesión?

O oficio é moi duro. Para o marisqueo a flote tes que contar cunha embarcación e son máis metros. Hai que facer moito máis esforzo que se traballas en terra cun angazo. Son moitos máis metros de terreo e máis quilos de produto que tes que traer para enriba. Cada día de traballo comezo ás 8 horas da mañá e remato ás 2 da tarde, para pesar o marisco na lonxa. Hai meses nos que ando aos trasmallos e aí cambia a cousa, comezo á mesma hora mais remato ás 4 ou 5 da tarde. Despois hai vender o peixe en Ribeira antes das 6, que é a poxa. Depende da arte á que vaias, empregas máis tempo ou non.    

Hai prexuízos no sector por ser muller?

Eu creo que non, é algo do pasado. Iso si, é algo moi duro e para unha muller moito máis. O que fago eu tes que levantar moito máis peso.

Que foi o máis difícil para vostede da súa etapa como patroa maior de Cabo de Cruz? 

O furtivismo. Cando comezamos na confraría non había vixilantes con tripulación e tivemos que comezar a vixiar nós. Había case máis furtivos que mulleres mariscadoras! Costou bastante e tivemos moitos enfrontamentos, mesmo queimáronos o coche da confraría.

De que está máis satisfeita dese mesmo período?

Penso que foi moi importante que sacáramos á confraría de Cabo De Cruz da situación de números vermellos na que se atopaba. Estaba en déficit e cando rematei quedou en superhábit. E por suposto tamén o tema do furtivismo que ao mesmo tempo de ser unha contrariedade foi toda unha satisfacción que rematara ben.  

Suma traballo ser patroa maior?

Atendes a confraría. No meu caso tal e como estaba, mesmo sen vixiantes, tiña que ir eu mesma vixiar moitas veces soa. Facía moitos tipos de traballo. Limpaba a lonxa tamén. Penso que ser patroa maior implica axudar no que poidas e levar o mellor posíbel a confraría. Para min é a persoa que máis traballa, considerando a situación particular na que estaba Cabo de Cruz. As mareas son dúas veces no día e tiñamos que estar alí, sumado ás reunións e calquera problema que poida xurdir. Creo que non é un posto moi solicitado.

Como ve o futuro do marisqueo?

Coido que estivemos mal con temas como o da contaminación e o problema da venda do produto mais coido que mellorará. Estre a Covid-19 e a choiva de auga salgada na que morreu a maioría do marisco...

Que lle pareceu ser a primeira en recibir o galardón de “Muller salgada”?

Estou moi agradecida á asociación de mulleres do Mar de Arousa por este premio. Hai moitas mulleres na ría de Arousa que tamén se merecen este premio. Facía falta un galardón así, tamén para que as mulleres se animen e haxa un relevo xeracional. Somos moi poucas neste sector. Hai moitas razóns para que isto aconteza, entre elas que hai poucas embarcacións agora mesmo e logo os cupos cos que conta cada unha. 

Comentarios