Proxecto do Celta en Mos

A Xunta acelera a tramitación de 'Galicia Sports 360' declarándoo "proxecto de interese autonómico"

O Goberno galego segue adiante co ambicioso proxecto do Real Club Celta nos montes de Tameiga e afirma que o aprobará definitivamente "dentro duns poucos meses", a pesar de que en abril o TSXG ratificou a ilegalidade da cidade deportiva Afouteza. Unha sentenza, porén, que a entidade viguesa entende que "non afecta" a Factoría do deporte galego-GS360.
Proxección da 'Factoría do Deporte - Galicia Sports 360' que o Celta quere erguer nos montes de Tameiga. (Foto: RC Celta)
photo_camera Proxección da 'Factoría do Deporte - Galicia Sports 360' que o Celta quere erguer nos montes de Tameiga. (Foto: RC Celta)

O Consello da Xunta acordou esta quinta feira dar a aprobación inicial ao proxecto de interese autonómico da 'Factoría do deporte galego-Galicia Sports 360', o plan máis ambicioso que o presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño —por medio da súa filla Marián, que é a cabeza visíbel de GS360— ten entre mans nestes momentos á marxe do propio equipo que dirixe o técnico Rafa Benítez e que está a impulsar nos montes de Tameiga (Mos, comarca de Vigo). A tramitación continuará agora "até concluír coa súa aprobación definitiva dentro duns poucos meses", precisou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego o presidente, Alfonso Rueda.

Esta denominación que lle outorga a Administración ten como efecto principal, con base na Lei 1/2021, que regula os proxectos considerados "de interese autonómico", é que a planificación e execución das actuacións transcenden o ámbito municipal e, por tanto, "teñen unha tramitación singular que, en moitos casos, non fai necesarias as autorizacións municipais", lembrou o propio Rueda, que xustificou a decisión considerando "relevante" o proxecto do Celta, que contará con tres agrupacións de infraestruturas: a Cidade Deportiva Afouteza —parcialmente operativa no momento actual—, o Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte e, por último, a área de servizos 'Espazo Arena'.

Afouteza disporá dunha serie de infraestruturas —campos de fútbol e edificios para acoller ximnasios, vestiarios e outras instalacións— adaptadas ás "exixencias da preparación de alto rendemento" e seguimento dos deportistas que compiten en categorías profesionais, así como para a formación da canteira. De forma paralela, o Celta ten previsto destinar as actuais instalacións da Madroa (Vigo) á futura sección de fútbol feminino, unha das promesas pendentes do presidente Mouriño desde hai varios anos e cuxa concreción vinculaba, precisamente, a dispor dos terreos de Mos.

A respecto do ámbito formativo, a memoria do proxecto recolle, salienta a Xunta, "unha concordancia de obxectivos cos programas de desenvolvemento do deporte de base realizados desde a Administración galega, e cuxa máis recente mostra son os núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE)". "Dada a dimensión deportiva do Real Club Celta, o labor de fomento deportivo, especialmente no ámbito do deporte de base e do deporte feminino, transcende á área metropolitana de Vigo e á propia Galiza", subliña.

Galicia Sports 360 conta tamén contará cunha "importante presenza das vertentes educativa, de innovación e de desenvolvemento do sistema deportivo, principalmente centrados no Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte". Este recinto será un "centro dinamizador e modernizador do tecido empresarial" que procurará convertelo "nun referente non só na Galiza ou no noroeste peninsular, senón no ámbito estatal e internacional", así como un "investimento estratéxico para o futuro". "Preténdese así a creación dunha sede dun nodo de tecnoloxía do deporte a semellanza doutros xa implantados en Europa, do que actualmente carece Galiza", resaltan desde o Goberno galego.

Aliás, a área de servizos, "principalmente centrada no edificio 'Arena'", un recinto fechado que estará destinado a eventos deportivos, cunha capacidade de até 10.000 persoas espectadoras e no que se incluirán, entre outros, "espazos de lecer deportivo indoor, expositivos ou de restauración e tendas deporte e merchandising".

"En definitiva, o proxecto de interese autonómico converterá a Factoría do deporte galego-Galicia Sports 360 nunha iniciativa cun interese supramunicipal cualificado que vai máis aló do ámbito deportivo. Conta coa capacidade para ser un complexo necesario que fortaleza a industria do deporte na Galiza e promova o seu desenvolvemento", xustifica a Administración.

O TSXG confirmou a ilegalidade da cidade deportiva

Este proxecto, porén, ficou arrodeado de polémica desde os seus inicios. O pasado mes de abril o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza desestimou o recurso de casación interposto polo Concello de Mos contra a sentenza previa que declaraba ilegal a construción do recinto deportivo Afouteza e, deste modo, ratificaba aquel ditame previo. "A cidade deportiva é ilegal. A sentenza é firme. Agardamos que se execute cedo a sentenza e restitúa a legalidade urbanística", sinalara entón César Lago presidente da Comunidade de Montes de Tameiga.

As e os comuneiros vían nos campos de fútbol unha "excusa" para facilitar a "expropiación" das terras: "Fálase sempre dunha cidade deportiva e de que renunciaban ao macro centro comercial, pero con Galicia Sports 360 quedounos claro que é un proxecto da industria do ocio e que os campos de fútbol son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construír un complexo de hoteis, restaurantes, cafetarías e xogos recreativos".

Desde o Real Club Celta, porén, trasladaron "tranquilidade" ante esta sentenza e afirmaron que non había "ningunha preocupación" a respecto da viabilidade de GS360, pois defendían que a resolución xudicial non afecta este proxecto que conta co apoio da Xunta da Galiza. E o Goberno mosense, liderado pola 'popular' Nidia Arévalo, manifestara que as obras "están amparadas legalmente polo Plan Especial aprobado e en vigor desde setembro de 2022". Un plan, con todo, aprobado a posteriori —e "a medida", segundo a oposición— e recorrido tamén nos tribunais.

Comentarios