Volven as seleccións de fútbol sala Sub-19

Os combinados masculino e feminino disputan hoxe senllos amigábeis
O pavillón Paco Chao do Carballiño acolle a partir das 19.45 horas un encontro entre as xogadoras da Irmandiña e do Carballiño. (Foto: Futgal).
photo_camera O pavillón Paco Chao do Carballiño acolle a partir das 19.45 horas un encontro entre as xogadoras da Irmandiña e do Carballiño. (Foto: Futgal).

A disputa dun partido por parte de calquera selección deportiva galega, aínda que sexa en categorías inferiores, sempre é noticiábel, sendo a que protagonizará o seu regreso de modo máis inminente a de fútbol sala

Deste modo, as Irmandiñas tanto masculina como feminina Sub-19 volverán á acción tan cedo como esta cuarta feira, sendo o primeiro que vestirá de curto o combinado das mulleres, nun choque previsto para as 19.45 horas no Pavillón Paco Chao do Carballiño ante as locais do Carballiño FS. O seleccionador nacional, Rubén Salgado, chamou 16 xogadoras, sendo os conxuntos máis representados A Fervenza de Ferrol -con catro- e o FSF Castro de Castro de Rei con tres. 

Os homes tamén xogarán no serán desta cuarta, aínda que un pouco máis tarde, concretamente ás 21 horas ante un rival de entidade como é o Santiago Futsal, un dos representantes do país na Segunda División B. O encontro, que se desenvolverá no pavillón compostelán de Santa Isabel, servirá para observar as evolucións de varios dos nomes máis prometedores do fútbol sala galego, como Alan Álvarez, Álvaro Gandoy, Ismael Brea ou Raúl Ribadulla.

O futuro dun deporte no que a Galiza é potencia

O fútbol sala é un dos deportes máis populares do país, como demostran o feito de que é un dos que máis licenzas federativas ten, ademais das innumerábeis competicións non federadas que se desenvolven -ou se desenvolvían antes da pandemia- nas principais vilas e cidades galegas.

A súa repercusión, ademais, resulta especialmente destacada no que respecta ao deporte feminino, até o punto de que a de fútbol sala foi a cuarta selección nacional en debutar, logo da de baloncesto, a de balonmán e a de fútbol tradicional. 

Co tempo, a Irmandiña -que debutou nin máis nin menos que cun subcampionato do mundo no ano 2008- acumulou éxitos principalmente a nivel estatal e nas categorías de base, onde a Galiza é potencia, destacando -entre outros- o título de campioa de España de Seleccións Territoriais que se desenvolveu en Murcia no ano 2015. 

Recordos do Mundial de 2008

O maior logro conseguido até o de agora polo combinado nacional galego tivo lugar a finais do verán do xa afastado ano 2008, hai 13 anos. Por aquel entón, a Irmandiña participou no I Campionato Mundial Feminino da Asociación Mundial de Fútbol Sala, que se desenvolveu na localidade catalá de Reus.

Nun torneo no que foron da partida 12 seleccións nacionais (Rusia, Ucraína, Arxentina, Venezuela, Bélxica, Australia, Paraguai, Italia, Colombia, República Checa e Catalunya, ademais da Galiza), as xogadoras galegas foron de menos a máis e, tras pasar a primeira fase logo de perder con Rusia e gañar a Ucraína pola mínima, goleou a Arxentina nos cuartos de final por un indiscutíbel 1-8, accedendo así a unhas semifinais nas que volveu triunfar ante un combinado latinoamericano, Colombia, aínda que esta vez logo da lotería dos penaltis tras empatar a tres goles no tempo regulamentario.

Lamentabelmente, na finalísima agardaba a anfitrioa, Catalunya, e o factor campo foi decisivo, pois as locais foron moi superiores (4-0), facéndose así co partido e co título mundial.

Comentarios