Un voluntarioso Dépor e un bon Lugo caen na segunda xornada da Liga

O Dépor cedeu na casa perante o Córdoba (0-1). O Lugo mereceu moito máis na visita ao Mini Estadi (2-1, perante o Barcelona B).

Dépor
photo_camera Dépor

O Deportivo foi tan voluntarioso como inofensivo perante o Córdoba. Apenas cometeu dous erros en todo partido, suficientes para o condenar á derrota. Na primeira metade un desaxuste defensivo -mal entendido entre Kaká e Laure- colocou a bola perante a baliza con Lux batido. Xisco, ex deportivista, tivo o detalle de enviar a pelota ás bancadas. Na segunda metade, unha xogada de estratexia, combinada cunha falta ao último home da barreira que o árbitro non deu visto, bastou para o Córdoba desatascar un macht que asemellaba abocado ao empate.

Que tal o novo Deportivo? Pois iso: novísimo. Moi fresco, si. Mais con demasiados novatos na categoría. Xente con talento e hipóteses de futuro por diante, mais aínda por madurecer. Fernando formulou o encontro coa seriedade táctica marca da casa. Mágoa que non estivese no campo Culio, un futbolista chamado a empresas maiores este curso. JuanDo tivo que oficiar de Valerón, por diante do duplo pivote. Non tivo o seu día.

Xa o advertira Fernando nas vésperas: ou contratamos dianteiros ou faremos o ridículo.

Gostou Rudy, espumeante sobre todo nos primeiros 45 minutos, e o polonés Wilk pareceu un clon de Bergantiños, co cal non se sabe moi ben que é o que achega á equipa, alén dun pulmón privilexiado. Decepcionou Arizmendi. Non desequilibrou nunca. Foi substituído por problemas físicos.

E gostou, e moito, Bicho. Ten iso que fai falta para triunfar. Falta de medo. Un corpo quizá excesivamente livián pode lastralo, mais pensemos en que neste momento o fútbol é dos pequechos (Iniesta, Messi...).

O Dépor perdeu porque a día de hoxe é inofensivo en ataque. Xa o advertira Fernando nas vésperas: ou contratamos dianteiros ou faremos o ridículo.

O Lugo mostrou feituras de equipa xa feita. Non mereceu perder. Só lle faltou o que distingue a unha equipa grande, acerto perante a portería rival. Tivo o Barcelona B á súa mercé. Mais o filial blaugrana dispón de futbolistas dunha enorme clase, deses que deixan o seu selo á mínima oportunidade.

En todo caso, o Lugo patentizou que está aquí para ficar e que é unha equipa difícil de gañar, xusto o que cómpre para progresar na segunda categoría do fútebol estatal.

Comentarios