A Volta á Coruña volve tres anos despois

O Cortizo aspira a revalidar o triunfo de García de Mateos en 2019.
Cristina Capelán, Rocío López, González Formoso, Xosé Lois Piñeiro, Juan Penabad e Juan Carlos Muñiz posan cos maillots oficiais. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Cristina Capelán, Rocío López, González Formoso, Xosé Lois Piñeiro, Juan Penabad e Juan Carlos Muñiz posan cos maillots oficiais. (Foto: Deputación da Coruña).

Ortigueira, A Laracha e A Pobra do Caramiñal acollen entre o día de hoxe e o domingo as tres etapas da XIX edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña, un espectáculo deportivo que regresa ás estradas co impulso da Deputación coruñesa e a Federación Galega de Ciclismo tras dous anos de parada a causa da pandemia da Covid.  

A Volta, unha das máis relevantes do calendario Elite/Sub-23, congrega 18 equipos, dos que 10 son da Galiza -Cidade de Lugo, Cortizo, Drone Hopper, Farto, Froiz, Lasal Louriña, Oiense, Retelec, Rías Baixas e Vigués- dous navarros, outros tantos de Castela e un de Estremadura, Cantabria, País Valenciano e as Illas Canarias.

O paso de tres anos desde a última vez que se disputou o certame deixa este dato como unha mera anécdota, pero naquela ocasión levantara o título o Cortizo, que ás ordes de Blanco Villar tratará de revalidar o título logrado por García de Mateos a través do prometedor Erig Fágundez, a quen podería favorecer o montañoso dun percorrido que ten a súa saída prevista para as 13 horas no paseo do Malecón de Ortigueira.

Esta primeira etapa, de 136,4 quilómetros de extensión, discorrerá tamén por Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Mañón, O Barqueiro e Espasante, entre outros puntos, e pode definirse co tópico pero certeiro cualificativo de "rompepernas".

Dun perfil semellante é a segunda etapa, cun percorrido de 141 quilómetros que pasará por Carballo, Malpica, Corme, Ponteceso e Cerceda e no que se subirán dous portos de terceira categoría, A Mata e O Empalme.

E, para rematar, o domingo 29 de maio chega a etapa raíña, que parte da Pobra do Caramiñal cun percorrido de 116,4 quilómetros entre Ribeira e o miradoiro da Curota e no que os escaladores beneficiaranse de ramplas de até 14% de desnivel e un final de 7,4 quilómetros de ascensión a 6% de media.

Durante a presentación da carreira, que tivo lugar onte na sede da Deputación da Coruña, o presidente Valentín González Formoso congratulouse polo "regreso" da Volta despois da pandemia, así como pola posibilidade de ver en acción "moitas futuras promesas do ciclismo galego".

Enduro en Ares e Mugardos

Mañá arranca a Montefaro Enduro Race 6.0, a terceira e penúltima cita da Copa de España de Enduro tras o Endurrazo, disputado en Moaña durante a primeira fin de semana do presente mes de maio. Deste modo, os e as participantes competirán nos concellos de Mugardos e Ares por un triunfo que pode ser decisivo para a clasificación xeral.

Xa no día de hoxe as riders inscritas poderán percorrer os camiños a pé para visualizar a variedade de itinerarios que propón a organización, aínda que terán que agardar até mañá sábado para rodar sobre o terreo para o recoñecemento de cada un dos seis tramos cronometrados, 38 quilómetros de distancia total e 1.440 metros de desnivel acumulado aos que terán que enfrontarse ao día seguinte.

O domingo, arredor das 8 horas, comezará a competición, onde o galego Mauro González na categoría elite masculina e a asturiana Cristina Menéndez na absoluta feminina poñerán en xogo a súa posición de líderes desta edición da Copa de España 2022 tras as vitorias obtidas na proba anterior.

Comentarios