Tino Fernández: ‘’Fernando Vázquez non é a persoa coa que queremos traballar’’

O presidente do Deportivo di que as declaracións do ex-adestrador en Arzúa foron ‘’a pinga que encheu o vaso’’ e di que o cesamento foi acordado no consello por unanimidade.

Tino depor

O presidente do Deportivo da Coruña Tino Fernández compareceu ante a prensa na tarde desta cuarta feira para dar a versión da dirección do clube sobre o cesamento de adestrador, Fernando Vázquez. Tino dixo que a decisión de destituir o de Castrofeito, “adoptada por unananimidade no Consello de administración”, vén das declaracións en Arzúa. O presidente deportivista dixo que esas declaracións de Vázquez foron “máis unha proba de que non estaba enchufado no noso proxecto”.

Así pois, “Fernando Vázquez non é a persoa coa que queremos traballar” manifestou, nunha comparecencia na que Tino Fernández mesmo chegou a dicer que desde que finalizara a Liga “só veu unha vez polo clube”, ademais de sinalar que “contestaba tarde ao teléfono”.

O mandatario do RCD Deportivo da Coruña mesmo chegou a manifestar que houbo xogadores que chamaron “para dicir que se son a quinta opción, non veñen”. Declaracións feitas ao abeiro das reflexións de Vázquez en Arzúa de que nas fichaxes tiña que conformarse coa quinta ou sexta opción.

Tino tamén quixo negar que o cesamento se debese a que Vázquez fose unha fichaxe do anterior presidente, Lendoiro. Ao tempo que recoñecía que aínda non atoparan substituto para o posto do de Castrofeito.

Comentarios