Sete títulos? O Dépor reivindica o triunfo ante o Vigo na Copa España de 1912... nun torneo sen máis participantes

O clube coruñés xa solicitou a oficialidade á RFEF daquel campionato no que venceu por 4 goles a 3.
Parte dos integrantes daquel Dépor. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Parte dos integrantes daquel Dépor. (Foto: RC Deportivo)

Unha liga, dúas copas e tres supercopas presiden as vitrinas de Riazor desde hai xa dúas décadas. Do histórico triunfo copeiro de 1995 da man da lenda do deportivismo Arsenio Iglesias até a Supercopa gañada ao Valencia en 2002 após o 'Centenariazo', aquel 'SúperDépor' gravou o seu nome na historia.

Porén, o clube branquiazul reivindica agora unha xesta precedente que, no caso de ser recoñecida de forma oficial pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF), tornaría no sétimo título. Trátase da Copa España de 1912 e o Deportivo xa iniciou os trámites para reclamar esa oficialidade.

A descuberta chegou da man da presentación do libro Da Sala Calvet ao título esquecido. Albores do RC Deportivo 1901-1912, da autoría do xornalista e historiador Rubén Ventureira e que foi presentado esta segunda feira nun acto organizado polo propio clube.

Unha das persoas que interviron no acto foi Ricardo Álvarez Rodríguez, neto dunha das primeiras lendas do equipo, Virgilio Rodríguez Recuncho, que lembrou a frutífera traxectoria do seu avó e sorprendeu todos os asistentes irrompendo na sala co devandito trofeo.

Segundo explicou o autor do libro —e tomou como argumentación na súa solicitude perante a RFEF o Dépor—, aquel foi "de forma evidente" o primeiro título do clube coruñés. Entre outros motivos, defendeu que aquela Copa España foi unha competición "aberta á participación de todos os clubes españois" e organizada pola Federación Española de Clubs de Foot-ball (FECF), un dos organismos que, canda a Unión Española de Clubs de Foot-ball (UECF), deu orixe á actual RFEF en 1913, un ano despois daquel torneo.

Só dous equipos participaran no torneo: o Dépor e o Vigo F.C.

A FECF organizou catro campionatos que foron recoñecidos na actualidade como oficiais, e a de 1913, que non se chegou a concluír por mor da súa fusión coa UECF, tiña A Coruña como sede "en recoñecemento á vitoria do Deportivo en 1912".

Porén, a competición tivo unha peculiaridade: a pesar de ser anunciada con antelación, só dous equipos se inscribiron, que foron os que loitaron polo trofeo. Eran o propio Dépor e o Vigo F. C., clube que deu orixe en 1913 ao Vigo Sporting e este último, á súa vez, fundou o RC Celta unha década despois xunto ao Real Fortuna. O resultado saldouse con triunfo coruñés por 4 goles a 3.

Comentarios