Sen o fútebol do seu lado, o Deportivo amarra un empate en Riazor ante un bon Athletic

Ás veces a lóxica imponse no fútebol. Era lóxico que unha equipa desafiuzada do campionato hai apenas un mes conquistase de súpeto cinco vitorias consecutivas? Certamente non. Un estupendo Athletic foi o responsábel de frear o combo de Fernando. O mellor, o resultado. 1-1. O treinador de Castrofeito optou por amarrar o empate.

Riazor
photo_camera Riazor

O Deportivo, coas liñas moi atrasadas, cedeu o control do xogo a un Athletic que manexa a bola con enorme destreza combinativa. Nos primeiros 20 minutos, o balón estivo máis en contacto con Alex Bergantiños que con Valerón, o que representa un grave problema se o que pretendes é criar xogo. O Athletic foi unha ameaza permanente, cun poderosísimo Llorente a semear o pánico no meio da zaga branco-azul. Imposíbel non botar de menos a contundencia e o mando en praza de Marchena.

Con Valerón bloqueado e JuanDo pouco participativo, o Deportivo apenas existiu en ataque. Só un lóstrego de Bruno Gama (m. 38) foi quen de variar o rumo do xogo. O 1-0 no taboleiro de marcas provocou o ruxido de Riazor, o "Si Se Pode" alastrou as bancadas branco-azuis, entregadas como sempre á súa equipa.

Mas Llorente, nunha das súas, selou o 1-1 a pouco de morrer a primeira metade (m. 44) e a dúbida nas bancadas era se o Deportivo sería quen no segundo acto de adiantar algo as liñas e de facer entrar máis en xogo os seus futbolistas máis criativos.

Non é desbotábel que Fernando tivese presente o espectro dalgunhas derrotas en casa de Oltra, cando o técnico valenciano alegremente enviou a equipa ao ataque sen resgardar a defensa.

Non foi así. O segundo acto aínda foi menos produtivo para a equipa branquiazul. O passing game vestiuse de vermello e branco. O Deportivo transmitiu en todo momento a impresión de se sentir inferior á escadra basca e de non considerar o empate un mal resultado.

O banquiño enviou dous recados clarísimos ao relvado. O primeiro, a substitución de Valerón -intermitente, si, mas a única luz nunha equipa apagada- por Paulo Assunção (m. 71), un proletario do fútebol tan traballador como negado para a criación. O segundo, unha vez que o Athletic ficou cun futbolista menos pola expulsión de Iturraspe (m. 81), a non rápida entrada de Nelson Oliveira no campo. O avanzado portugués só entrou nos minutos lixos, cando apenas había xa opcións, e moi pouca gasolina no depósito, para tentar a vitoria.

Non é desbotábel que Fernando tivese presente o espectro dalgunhas derrotas en casa de Oltra, cando o técnico valenciano alegremente enviou á equipa ao ataque sen resgardar a defensa. Non é desbotábel que a estas alturas do campionato Fernando -visto o feito por Granada e Mallorca- findase por pensar que un empate tampouco era tan mal resultado.

Comentarios