O Mundial de fútbol volve hoxe despois de dúas xornadas de descanso, aínda que, estimado lector ou lectora, cando teña estas liñas ante os seus ollos o partido inicial, que enfronta o combinado do Estado español -no que milita a galega Tere Abelleira- co dos Países Baixos, xa haberá tempo que rematou.
Cousas da enorme diferencia horaria coas antípodas, xa que no lugar onde se disputou o partido (Wellington, Nova Zelandia) o reloxo marca 10 horas máis que na Galiza, rematando o encontro de cuartos de final aproximadamente ás nosas 5 da mañá.
As favoritas eran as neerlandesas, dada a súa condición de actuais subcampioas do mundo e a súa maior experiencia nas grandes citas, como acredita o seu triunfo no Europeo de 2017, mais Tere Abelleira e as súas compañeiras aspiraban a dar outra sorpresa en Oceanía.
O segundo partido do día xa é máis accesíbel para a afección da Galiza, xa que o Xapón e Suecia xogan ás 9.30 horas da mañá.
A escuadra nipoa é a única que conta os seus partidos por vitorias, e pode dicir con fachenda que non hai outra campioa do mundo (2011) que aínda non fose eliminada, así como que é a que máis finais xogou, xa que tamén estivo na de 2015.
Co seu poderío goleador por bandeira -Hinata Miyazawa é, con cinco tantos, a máxima goleadora do torneo polo momento-, enfronte ten Suecia, o outro equipo con máis tradición, historia e éxitos ás súas costas que queda vivo, pois ten dúas pratas olímpicas (2016 e 2021), un título continental europeo (1984) e un subcampionato mundial (2003).
Australia e Colombia queren a revolución
No outro lado do cadro, os partidos Australia-Francia e Inglaterra-Colombia determinarán quen ocupan os outros dous postos nas semifinais.
As Matildas, que é como son coñecidas as australianas, tratarán de superar o seu teito histórico, uns cuartos de final que xa alcanzaran en 2007, 2011 e 2015. As francesas, pola súa parte, chegaron ao antepenúltimo chanzo da Copa do Mundo por terceira edición consecutiva, aínda que unicamente lograron clasificarse para as semifinais en 2011.
No referente ao Colombia-Inglaterra, as futbolistas cafeteiras medirán forzas cunha das grandes favoritas, xa que vén de levantar a Eurocopa. Con todo, Nixeria demostrou nos oitavos que ten puntos débiles, polo que non se deben subestimar as opcións colombianas.