Balonmán

A PREVIA | Porriño e Guardés buscan un posto na fase final da Copa da Raíña

Ambas formacións xogarán fora da casa: en Navarra e Asturias, respectivamente.
As guerreiras da Guarda son favoritas ante o Xixón. (Foto. Atlético Guardés).
photo_camera As guerreiras da Guarda son favoritas ante o Xixón. (Foto. Atlético Guardés).

Atlético Guardés e Balonmán O Porriño aparcan temporalmente a Liga Guerreiras para disputar a segunda eliminatoria da Copa da Raíña, onde se decidirá que oito formacións participarán na fase final dun torneo que se desenvolverá no Donostia Arena de San Sebastián entre os días 10 e 12 de maio.

O conxunto arraiano deberá superar Motive.co Xixón A Calzada, formación coa que xa se enfrontou hai menos dun mes na competición da regularidade con resultado favorábel aos intereses galegos (22-31), ás 19 horas de hoxe no Pavillón da Area da localidade asturiana.

Non obstante, o Xixón A Calzada ao que agora se mide non ten nada que ver co de aquel entón, pois conta con novo adestrador, Alfredo Rodríguez, que imprimiu un estilo moi diferente ás súas pupilas, razón pola cal a súa homóloga no Atlético Guardés, Cristina Cabeza, sostén que deberán estar "moi concentradas ao longo dos 60 minutos para conseguir o pase", algo que considera un "obxectivo prioritario".

De logralo, esta sería a undécima ocasión nos últimos 12 anos nas que a escuadra da Guarda logra coarse na fase final da Copa da Raíña, trofeo que a piques estivo de levantar en 2022, cando foi finalista, e onde alcanzou a rolda de semifinais o pasado ano 2023 após vencer, precisamente, ao seu rival de hoxe.  

Con respecto ás posibilidades de avanzar dun e doutro equipo, Cabeza dixo que tiveron "mala sorte" ao quedar emparelladas co Motive.co Xixón no sorteo, mais salientou que tanto ela como as xogadoras chegan "moi ben de moral" tras derrotar na última xornada ligueira o todopoderoso Súper Amara Bera Bera de Donostia.

Obxectivo: pór fin a seis anos de ausencia

Pola súa parte, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño tamén deberá desprazarse, en concreto a Villava (Navarra), onde ás 18 horas da tarde saltará á pista do Polideportivo Irmáns Indurain para retar o Replasa Beti-Onak.

A meta da entidade do sur da Galiza é fechar o regreso á Copa da Raíña tras seis anos de ausencia. Non obstante, e a pesar do seu teórico favoritismo, o Porriño deberá sobreporse ás lesións de Inés Hernández e Aitana Santomé e ás numerosas baixas con gripe coas que conta no seu primeiro equipo.

Comentarios