Podería a Irmandiña participar na Copa Mundial de fútbol de 2026?

Unha modificación da Lei do deporte abriría lixeiramente a porta a esta posibilidade.
Selección galega de fútbol irmandiña Foto Federación Galega de Fútbol
photo_camera Selección galega de fútbol irmandiña Foto Federación Galega de Fútbol

A Comisión de Cultura do Congreso avalou esta terza feira unha modificación na Lei do deporte para permitir a participación de seleccións autonómicas en competicións oficiais de ámbito internacional.

O texto precisa que esta participación só poderá desenvolverse en deportes con "arraigamento histórico" nas súas autonomías, aínda que non precisa a que se refire con ese “arraigamento”.

A emenda abriría así lixeiramente a porta a que a Irmandiña puidese participar en competicións oficiais que decorran nos vindeiros anos, como no caso da Copa Mundial de Fútbol que decorrerá en Estados Unidos, Canadá e México en 2026.

Porén, a modificación engade un segundo punto recalcando que "a participación da federación autonómica deportiva en competicións internacionais producirase previo acordo co Consello Superior de Deportes (CSD)".

Nos casos nos que o CSD non acepte a petición e no resto de deportes, as federacións autonómicas seguirán integradas na española para participar en competicións internacionais.

Emenda transaccional

A emenda en cuestión, de carácter transaccional e impulsada polo PNV, sinala que "as federacións autonómicas poderán participar directamente en competicións deportivas oficiais de ámbito internacional se a federación internacional o contempla en modalidades deportivas con arraigamento histórico e social na súa comunidade autónoma".

Tamén poderán participar nestas competicións se a federación autonómica está inscrita na federación internacional antes mesmo que a española.

A emenda saíu adiante co respaldo do PSOE, Unidas Podemos e EH Bildu, mentres que o PP, Vox e Cs pronunciáronse en contra.

Comentarios