As persoas con problemas de saúde mental terán a súa liga de fútbol sala

A Federación Galega promove 'A Nosa Champions'.
Foto de familia na presentación. (Foto: RFGF)
photo_camera Foto de familia na presentación. (Foto: RFGF)

A sede en Santiago de Compostela da Real Federación Galega de Fútbol (RGFG) foi o escenario escollido para albergar o pistoletazo oficial de saída da segunda edición dun certame denominado A Nosa Champions.

Trátase dunha liga de fútbol sala na que competirán un total de seis equipos pertencentes a asociacións de persoas con problemas de saúde mental na Galiza. Estes están distribuídos en dous grupos, Norte -Feafes Santiago, Alba FSF, APEM Coruña- e Sur -Feafes Vigo, Doa Saúde Mental, Lenda Futsal-, participando o campión de cada un deles na gran final.

En total disputaranse cinco xornadas, estando a primeira programada "entre o 30 de xaneiro e o 28 de febreiro", ademais da antedita finalísima, que está prevista para a primeira quincena de xullo do próximo ano 2023.

Non obstante, alén do eido estritamente deportivo, A Nosa Champions é unha "iniciativa integradora de responsabilidade social" creada por Saúde Mental Feafes Galiza e organizada pola RFGF a través da Fundación do Fútbol Galego coa que estas entidades pretenden "marcarlle goles aos prexuízos e disparar forte para eliminar o estigma que rodea as persoas que sofren este tipo de doenzas".

Esta iniciativa, que se puxo por primeira vez en marcha no ano 2019 e que se viu interrompida até o de agora pola pandemia da Covid-19, persegue como obxectivos fundamentais "o fomento de hábitos de vida saudábeis entre o colectivo de persoas con problemas de saúde mental e a práctica habitual dunha actividade deportiva -neste caso o fútbol sala- ao mesmo tempo que favorece o encontro entre os e as participantes, facilitando así as relacións e habilidades sociais entre elas".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios