París pasa por Verducido para o piragüismo galego

O encoro pontevedrés acolle o selectivo estatal.
A padeeira Teresa Portela nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 (Foto: FEP).
photo_camera A padeeira Teresa Portela nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 (Foto: FEP).

O nivel da representación galega nos próximos Xogos Olímpicos de París 2024 dependerá, en boa medida, do que aconteza desde esta cuarta feira e até o próximo día 12 de abril no encoro de Pontillón de Castro, en Verducido (Pontevedra), onde a modalidade de esprinte olímpico desenvolverá unhas esixentes probas nas que se decidirán os nomes dos e das padexeiras que lograrán os boletos para a gran cita gala.

A selección estatal xa conta con barcos clasificados para os Xogos, correspondentes ás categorías K2, K4 e C2 500, pero o K1 1.000 masculino, e o K4, K1 e C2 500, máis o C1 200 feminino, o C1 .1000 masculino e o K2 500 feminino están aínda en disposición de obtelo na inminente Copa do Mundo de Szeged (Hungría), programada a segunda semana de maio.

Tanto alí como en Verducido ao longo destes días os e as deportistas deben materializar nos seus resultados todo o traballo realizado ao longo destes últimos tres anos -os últimos Xogos Olímpicos de Toquio foron en 2021, e non en 2020, como estaba previsto, a causa da irrupción da pandemia da Covid 19.

Con respecto aos horarios, as hostilidades abrirán tan cedo como ás 9 horas desta cuarta feira coas finais no C2 500 masculino e feminino, onde a pontevedresa Antía Xácome, acompañada pola madrileña María Corbera, están obrigadas a demostrar por que son as favoritas, por diante de competidoras do nivel da tamén galega Antía Otero, que participará xunto con María del Angels Moreno.

No referente aos homes, a súa proba promete ser unha das citas máis igualadas, así como unha das que teñan un maior peso da Galiza, pois na liña de saída estarán os dúos Adrián Sieiro-Manuel Fontán, Noel Domínguez-Pablo Graña, Pablo Crespo-Martín Xácome e Pedro Torrado-David Barreiro, que terán enfronte, principalmente, a Cayetano García-Pablo Martínez e Diego Domínguez-Joan Antoni Moreno. 

Saltando ao K4, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade -con Saúl Craviotto e Marcus Cooper- e Teresa Portela e Carolina García -con Sara Ouzande e Estefanía Fernández- tamén precisan facer bo o seu favoritismo nos últimos eventos de hoxe, ficando para mañá as semifinais da categoría C1 1.000 e as finais do K1 1.000 e o K1 500 masculinos e o C1 200 feminino.

Comentarios