Panorámica ligueira: Celta e Lugo saborean agres empates

No fútbol hai ocasións onde o reparto de puntos é sinónimo de sorrisos e satisfacción, pero esta non é unha delas, pois o Celta asinou táboas (0-0) co Cádiz nun choque que puido decidir unha pena máxima que marrou a piques do final. Pero as do Lugo son aínda máis dolorosas, pois ía por diante no marcador e deixouse empatar a piques do asubío final.
Santi Mina fallou no minuto 84 un penalti que podería decantar a vitoria do lado celeste.  (Foto: EP).
photo_camera Santi Mina fallou no minuto 84 un penalti que podería decantar a vitoria do lado celeste. (Foto: EP).

O fútbol galego está dolorosamente afeito a perder cousas no último minuto; tamén desde os 11 metros. Que llo pregunten á parroquia deportivista, que nunca esquecerá aquel penalti lanzado por Miroslav Djukić o 14 de maio de 1994. Os erros desta xornada non tiveron esa transcendencia, pero sempre resulta molesto deixar escapar dous puntos nos intres finais dun partido, infortunio que sufriron tanto Celta como Club Deportivo Lugo. 

Os celestes protagonizaron unha gris actuación no Nuevo Mirindilla (0-0), estadio do Cádiz do coruñés Lúcas Pérez, o que non foi óbice para que tivesen as súas opcións para volver a Vigo con tres puntos que poderían resultar fundamentais na loita por Europa. A mellor foi o penalti malogrado por Santi Mina no minuto 84, cinco despois da substitución do lanzador habitual -Iago Aspas-, noutra reminiscencia a aquel penalti lanzado polo central serbio en 1994 logo do relevo do especialista branquiazul, Donato. Ademais, o dianteiro brasileiro Thiago Galhardo, que aínda non marcou nin un só gol na Liga, fallou un man a man contra o porteiro Ledesma no último segundo.

Pero máis dolorosa se caben foron as táboas do Club Deportivo Lugo ante a Sociedade Deportiva Amorebieta (1-1). Os albivermellos adiantáronse no electrónico no primeiro tempo da man do seu eterno capitán, Carlos Pita, quen aos 37 anos aproveitou do mellor modo posíbel a súa quinta titularidade esta campaña. Loxicamente, desde ese momento os vascos asumiron o peso do partido e comezaron a axexar a meta defendida por Óscar Whalley, que foi quen de conter as acometidas rivais até exactamente o último segundo, cando Javi Rosa marcou desde a frontal un golazo imparábel para o hispano-británico.

Segunda derrota consecutiva do Deportivo

Peor sorte, pois non sumou nin un só punto por segundo partido consecutivo, correu ante a SD Logroñés (1-0) un Dépor inmerso no peor momento da tempada, exactamente o contrario que un Celta B en estado de graza que sumou a súa terceira vitoria seguida a costa do Raio Maxadahonda (3-1). Pola súa banda, o Rácing de Ferrol completou a participación galega na categoría de bronce co seu primeiro triunfo no 2022, superando tamén por 3-1 un Tudelano que, con só 11 puntos, cheira a podre.

Comentarios