Baloncesto

Obradoiro perde Kassius Robertson e Breogán incorpora Matynas Sajus

Movementos na elite do baloncesto galego.
Robertson asinou polo Valencia. (Foto: ACB)
photo_camera Robertson asinou polo Valencia. (Foto: ACB)

A pesar de que o comezo da próxima tempada na Liga ACB non está previsto até dentro de máis de dous meses, concretamente, o 23 de setembro, os principais equipos do baloncesto masculino galego xa protagonizan movementos de relevancia no mercado de fichaxes.

Deste modo, Monbus Obradoiro fixo pública na mañá desta segunda feira a nova de que o seu xogador estrela, o xamaico-canadense Kassius Robertson, deixará a escuadra da capital para asinar polo Valencia Básquet.

Na campaña que vén de concluír o escolta de 29 anos foi peza chave na salvación da formación do sar, contribuíndo nos 25 choques que disputou cunha media de 17'4 puntos, 2'2 rebotes e 2,3 asistencias a que o Obradoiro lograse, ademais, unha histórica clasificación para a Basketball Champions League de 2023.

O seu bo facer chamou a atención de varios conxuntos con maior músculo financeiro que o de Santiago, sendo finalmente o Valencia Básket quen logrou a sinatura dun xogador que podería continuar no Obradoiro de igualar a formación dirixida por Moncho Fernández a oferta económica dos do Turia, mais a directiva preferiu "atender os desexos de Kass de competir na Euroliga, valorando así a profesionalidade que demostrou no tempo que estivo no equipo".

E se uns saen, outros entran. Este é o caso do outro galego na ACB, Leite Río Breogán, que incorpora as súas filas o pivote Matynas Sajus. Formado no potente Zalgiris Kaunas, o internacional lituano conta con experiencia no campionato do seu país, o polaco, o alemán, o turco e mesmo no español, pois xogou no Manresa na tempada 2020/21.

Con 27 anos e 2,08 metros de altura, destaca pola súa intensidade na pintura, aproveitando o seu potente físico para facerse forte na arte do rebote. 

Comentarios