O País de Gales entra nos oitavos

A escuadra comandada por Bale e Ramsey é a primeira en avanzar de rolda
A afección galesa celebra na capital, Cardiff, o gol que inicial que lle deu o triunfo ante Turquía (2-0). (Foto: Europa Press).
photo_camera A afección galesa celebra na capital, Cardiff, o gol que inicial que lle deu o triunfo ante Turquía (2-0). (Foto: Europa Press).

O listón estaba moi alto despois da final anticipada disputada por Francia e Alemaña, mais os partidos de hoxe, se ben estiveron protagonizados por seleccións teoricamente menores, mantiveron o elevado nivel de xogo que vén caracterizando esta Eurocopa.

Así, País de Gales, xunto con Escocia a outra nación sen Estado que compite polo cetro continental, xa é equipo de oitavos de final logo de superar Turquía (2-0) cun soberbio tanto inicial de Ramsey tras un magnífico pase de Gareth Bale -que fallou un penalti pouco despois- e un segundo gol de Roberts.

Rusia saca petroleo da imperita Finlandia

O combinado finés deu a sorpresa ante unha Dinamarca en estado de shock logo da parada cardiorespiratoria sufrida por Eriksen e sumou tres puntos cos que nin eles mesmos contaban. Lamentabelmente para os seus intereses, non puideron estender a xeira de vitorias ante unha Rusia que só foi quen de superar a muralla defensiva dos seus rivais cun disparo ben colocado de Miranchuk que subiu o 0-1 ao marcador. 

Rusia, logo da súa desastrosa estrea ante Bélxica, mostrou unha cara totalmente oposta na que cambiou desde o sistema até o porteiro.

Todo isto, e á espera do resultado do Dinamarca-Bélxica que se disputará no día de mañá, deixa todo por decidir nun Grupo B que é mostra representativa da combatividade que está caracterizando á Euro 2021.

A oportunidade Ucraína de non descolgarse

Os outros dous choques previstos para esta quinta feira son o Países Baixos-Austria e o Ucraína-Macedonia do Norte, ambos correspondentes ao Grupo C.

O último deles supón unha oportunidade de ouro para a escuadra dirixida polo lendario Andriy Shevchenko de sumar tres puntos a costa do equipo máis débil do torneo, que poderían ser fundamentais se queren aspirar a xogar os oitavos de final logo da súa derrota ante uns Países Baixos que colisionará con Austria ás 21 horas sabendo que o gañador se asegurará unha praza na seguinte rolda do torneo.

Comentarios