Osasuna, primeiro rival ligueiro do Celta

Os celestes abrirán a campaña 23/24 en Balaídos o 12 ou o 13 de agosto 
No seu último enfrontamento no coliseo olívico, o 5 de novembro de2022, o Celta caeu pola mínima (1-2) contra o conxunto navarro.  (Foto: Europa Press).
photo_camera No seu último enfrontamento no coliseo olívico, o 5 de novembro de2022, o Celta caeu pola mínima (1-2) contra o conxunto navarro. (Foto: Europa Press).

O Real Club Celta xa coñece o seu calendario ligueiro de cara á inminente tempada 2023/24, o que a diferenza do que acontece na Premier League inglesa non significa que saiba exactamente  o día e a hora exacta á que vaia xogar, uns datos que adoitan coñecerse con apenas semanas ou días de antelación, o que dificulta sobremaneira a asistencia aos partidos fóra da casa e o turismo futbolístico. Porque, xa se sabe, 'Spain is different'. 

Xa que logo, o único que levou a cabo onte na súa madrileña sede das Rozas a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) foi o sorteo dos emparellamentos de cada unha das xornadas ligueiras dunha tempada que botará a andar o 11 de agosto de 2023 e concluirá o 26 de maio do 2024.

Como nas últimas edicións, a nonaxésimo terceira Liga adoptará un formato asimétrico, o que significa que a orde dos partidos non será a mesma na primeira volta e na segunda.

O Celta, único representante da Galiza, debutará contra Osasuna en Balaídos na fin de semana dos días 12 e 13 de agosto. A escuadra pamplonesa foi unha das grandes revelacións da tempada pasada, na que concluíu na sétima posición.

O último precedente entre ambos os dous equipos é un empate sen goles no Sadar desenvolvido o pasado mes de marzo, mentres que no seu choque máis recente en Balaídos (novembro de 2022) impúxose Osasuna por 1-2.

Unha semana máis tarde (20-21 de agosto), o Celta subirá ao avión para colisionar contra outro conxunto da zona alta da táboa, a Real Sociedade de Brais Méndez. E o mes de agosto baixará o pano cun Celta-Real Madrid que se programará o día 26 ou 27 no que os Iago Aspas, Iván Villar e compañía aspiran a pór fin a unha xeira de partidos sen gañar contra os brancos que se estende desde maio de 2014.

Para enfrontarse co outro grande, o Fútbol Club Barcelona, terá que agardar até o 24-25 de setembro, visitando un Nou Camp no que tampouco gaña desde 2014. Os culés, pola súa parte, viaxarán até Vigo a mediados de febreiro (17-18) de 2024.

Outro club importante, aínda que lastrado polos seus problemas económicos, o Valencia, será, a última fin de semana de maio, o derradeiro rival celeste.

Comentarios