Fútbol

Rafa Benítez, perto de converterse no novo adestrador do Celta

A última aventura do técnico madrileño, á fronte do Everton, rematou precipitadamente en xaneiro de 2022.
Logo de derrotar o Wolfsburgo o pasado sábado, Rafa Benítez quere volver gañar en Compostela. (Foto: David Klein / CSM via ZUMA Wire)
photo_camera Rafa Benítez dirixindo un partido do Everton, o seu último equipo. (Foto: David Klein / CSM via ZUMA Wire)

Se ben nos últimos días soaron con forza en Vigo os nomes de Andoni IraolaPhilippe Montanier para adestrar o Celta na tempada do seu centenario, finalmente todo parece indicar que o elixido será un vello coñecido da Liga. Segundo apuntan diferentes medios e adiantou o dixital Relevo, o madrileño Rafa Benítez ten sobre a súa mesa unha oferta formal da entidade presidida por Carlos Mouriño que estaría próxima a concretarse.

Benítez está sen equipo desde xaneiro de 2022, cando foi destituído polo Everton, deixándoo na décimo sexta posición cun balance de 5 vitorias, 4 empates e 10 derrotas. Á Premier League voltara o verán anterior após unha estadía de dous anos na Superliga da China da man do Dalian Yifang.

O técnico adestrou durante seis campañas o gran rival do Everton, o Liverpool, co que conquistou, en 2005, a Liga de Campións, así como unha Supercopa de Europa, unha FA Cup e unha Community Shield. Aliás, fíxose en dúas ocasións coa Europa League, á fronte do Chelsea en 2013 e co Valencia en 2004 —daquela denominada Copa da UEFA—. Con este último equipo gañou tamén dúas ligas españolas, en 2002 e 2004.

Tamén conta no seu palmarés cunha Copa de Italia, co Nápoles (2014); dúas Supercopas de Italia, tamén co Nápoles (2014) e mais co Inter de Milán (2010); un título da Segunda División inglesa, co Newcastle (2017); unha Supercopa de Europa (2005), co Liverpool, e un Mundial de clubes, co Inter (2010). Tamén foi elixido adestrador do ano da UEFA nos cursos 2004 e 2005.

Comentarios